As obras da avenida de Lugo estarán rematadas este verán

59

As obras da avenida de Lugo estarán rematadas cara mediados do verán. Así o anunciou hoxe o tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, durante unha visita na que comprobou o bo ritmo de execución. A actuación presenta avances significativos, a pesar de que tivo que desenvolverse durante os catro primeiros meses do ano nunhas condicións meteorolóxicas moi desfavorables.

O prazo de execución dos traballos, que comezaron a mediados de xaneiro, é de algo máis de 5 meses, polo que Louro confía en que a rúa poda ser inaugurada cara o mes de xullo.

O tenente de alcalde estivo acompañado polos técnicos municipais, entre eles o arqueólogo do Concello, Xoán Carlos Castro, quen deu conta da aparición dunha mina de auga nas inmediacións da rotonda da serraría. A mina, datada en 1906 gracias a unha inscrición, foi descuberta durante a canalización das augas pluviais. O arqueólogo subliñou que trátase dunha zona limítrofe entre o urbano e o rural. Estamos, recalcou, diante dunha oportunidade de integrar elementos etnográficos do rural no tecido urbano e de que, por unha vez, o crecemento non signifique arrasar completamente coa paisaxe rural. Os técnicos municipais incluirán o elemento no Inventario municipal e elaborarán un proxecto complementario para consolidar os muros de pedra laterais, tratar as dúas bocas da mina e solucionar unha filtración de augas fecais que baixa pola finca contigua.

As obras da avenida de Lugo contan cun orzamento de 1.096.902,97 euros e están a cargo de Eiriña Constructora. A obra abarca unha gran superficie (8.197 metros cadrados) a consecuencia da anchura da vía, pero non tanto en lonxitude, pois abrangue 258 metros.

O espírito do proxecto está no intento de embelecer unha entrada importante ao centro urbano. Un dos principais obxectivos é incrementar a rotación dos aparcamentos, establecendo senllos cordóns de estacionamento en liña, e tamén dotar á rúa de zonas de carga e descarga das que agora carece.

O proxecto dá gran importancia ao deseño das dúas rotondas que marcan os seus extremos. A de Juan Carlos I terá un diámetro interior duns 18 metros e un diámetro de circulación de 36 metros. A pequena rotonda da avenida de San Mauro, pouco funcional no seu actual deseño, ampliarase a 11,5 metros na súa estrutura interna e a 27,3 metros no bordo exterior de circulación.

En canto ás beirarrúas serán asimétricas, pois no lado dereito (sentido de entrada) serán máis amplas e pavimentadas con formigón negro pulido. Ao lado esquerdo terán un ancho duns tres metros e pavimento de lastro cerámico. A rúa contará tamén con novo mobiliario urbano e dúas filas de cerdeiras. Mentres a beirarrúa do lado esquerdo estará rematada en dúas semanas, a do lado dereito acometerase con máis calma, pois baixo ela transcorre unha tubaxe de subministro principal de auga ao centro urbano e cómpre tomar precaucións para evitar avarías.

A obra inclúe a renovación completa dos servizos de augas pluviais, saneamento, abastecemento de auga e rede contraincendios, así como a dotación do novo sistema de iluminación pública. A última hora as empresas Gas Natural-Fenosa e Telefónica sumáronse tamén ao proxecto e abordaron o soterramento dos seus cableados.