Antón Louro visita as obras en marcha no barrio de San Antoniño e anuncia que estarán rematadas en decembro

74

Baixo a choiva, o tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, visitou esta mañá as obras que veñen de comezar nas rúas de Víctor Cervera Mercadillo e Gerardo Álvarez Limeses, no barrio de San Antoniño.

Acompañado de técnicos municipais e técnicos das empresas contratistas, comprobou o avance dos traballos e anunciou que, agás que as condicións meteorolóxicas sexan especialmente adversas, rematarán durante o próximo mes de decembro.

As obras da rúa de Víctor Cervera Mercadillo estarán a cargo de Oresa cun orzamento final de 131.258,64 euros. No caso de Gerardo Álvarez Limeses, a seleccionada é Covsa e o orzamento sobe ata os 221.846,85 euros. Nos próximos días, anunciou Louro, comezará tamén a segunda fase da rúa de Blanco Porto, que xa está tamén adxudicada.

Os principios que inspiran estas obras son os da ampliación das beirarrúas e mantemento da circulación rodada nas mesmas condicións que ata o de agora. Ao tempo, mantense a capacidade de estacionamento, especialmente na rúa de Álvarez Limeses, onde a maior anchura permite crear dúas bolsas con capacidade para 24 vehículos. Nestas dúas vías urbanas hai beirarrúas inferiores a 80 centímetros e contan cunha superficie absolutamente irregular. Ao mesmo tempo, outra das deficiencias máis significadas na zona é a obsolescencia das redes de auga, pluviais e saneamento, polo que deberán ser completamente renovadas. No que atinxe á iluminación, aproveitaranse as luminarias led recentemente instaladas.

Por outra banda, Antón Louro anunciou que estuda cos técnicos municipais a licitación de dúas novas actuacións nas rúas de Javier Puig e Gonzalo Gallas, aproveitando os fondos da última modificación de crédito. Louro indicou que estase analizando o custo destas actuacións para tomar a decisión definitiva. O barrio de San Antoniño experimentaría así, opinou, un impulso moi importante, tal e como demandan os seus veciños.