Antón Louro destaca a transformación radical do barrio de San Antoniño despois do remate das obras en tres rúas

60

A transformación do barrio de San Antoniño é xa un feito. Así o afirmou hoxe o tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, durante a visita ás rúas de Víctor Cervera Mercadillo, Gerardo Álvarez Limeses e Gonzalo Gallas, onde o seu departamento investiu 413.000 euros.

As obras, que remataron a mediados de decembro, cumprindo os prazos previstos, supuxeron unha radical transformación de todo este entorno urbano, que contaba cun deseño urbano de mediados do século pasado, con beirarrúas completamente deterioradas e tubos de servizos insuficientes e sen separación axeitada das augas pluviais e fecais.

Louro, que subliñou que nestas rúas había beirarrúas que nalgúns puntos tiñan un ancho de só medio metro, destacou que o deseño tivo moi en conta o acceso a todos os garaxes dos edificios da zona, así como o mantemento das prazas de estacionamento na rúa de Álvarez Limeses, que era a única, que pola súa anchura, permitía conservar unha bolsa de estacionamento para algo máis dunha vintena de vehículos.

O tenente de alcalde mantivo unha xuntanza durante o pasado outono cos veciños para presentarlles os proxectos, destacando a aposta pola comodidade,a mellora dos servizos e o mantemento da circulación rodada, agás no tramo superior de Cervera Mercadillo (a rúa máis estreita das tres), no enlace co frontal do Hospital Provincial. Neste espazo optouse por un deseño semipeonil.

Polas características destas tres rúas, que están interconectadas entre si, a Concellería de Urbanismo decidiu adxudicalas e executalas conxuntamente, o que serviu para minimizar as molestias aos veciños deste entorno, que conta cunha alta densidade residencial e tamén con peso comercial.

As obras foron executadas polas empresas Covsa e Oresa. O investimento en Víctor Cervera Mercadillo foi de 131.258,64 euros; en Gerardo Álvarez Limeses, subiu a 221.846,85 euros, e, finalmente, en Gonzalo Gallas a 60.000 euros.