Antón Louro asina a recepción da praza dos Canos, o espazo central das obras de urbanización da UA 34

40

O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, asinou hoxe cos promotores das obras da Unidade de Actuación 34 (polígono comprendido entre a esquina que conforman as rúas de José Malvar Figueroa e Loureiro Crespo e rúa de Amado Carballo) a recepción das obras de urbanización acometidas no novo espazo público.

Louro, xunto cos representantes da promotora Construcuatro, José Manuel Torres e Eugenio Sobral, e os arquitectos da obra, certificou o paso á titularidade municipal da nova praza dos Canos, con algo máis de 2.000 metros cadrados. Complétase así, destacou o tenente de alcalde, un novo cacho de cidade nos terreos que quedaban comprendidos entre a igrexa da Virxe do Camiño, o vello cuartel da Garda Civil e o novo edificio (distribuído en tres bloques apegados) construído pola promotora na UA 34.

As obras de urbanización inclúen tamén o remate dos viais e as beirarrúas perimetrais de todo o ámbito, incluídas as que conducen a unhas escaleiras que conectan directamente coa rúa de Loureiro Crespo, unha mellora importante para a mobilidade peonil para os veciños da zona de Amado Carballo, que xa non terán que dar un rodeo pola rúa de Casimiro Gómez para acceder a esta zona da cidade.

A actuación complétase co axardinamento dos espazos libres e a plantación de máis de 30 árbores, entre os que predominan os cipreses e os bidueiros.

Antón Louro recalcou a importancia do remate destas obras e agardou que pronto poda saír adiante o proxecto para a recualificación urbanística e recuperación da parcela e os terreos do antigo cuartel da Garda Civil, situado xusto ao lado, o que servirá para completar o tecido urbano na zona.

Na acta de recepción asinada hoxe prevese tamén o mantemento da garantía provisional constituída pola promotora Construcuatro, por importe de 426.000 euros, por un período dun ano, ao efecto de garantir posibles defectos ocultos que puideran descubrirse unha vez recepcionadas as obras.

O Concello xa tiña recibido hai un ano unha parte da urbanización na prolongación da rúa de Amado Carballo, ao obxecto de dar acceso á entrada dos garaxes dos novos edificios.