Adega inicia as segundas visitas aos participantes na compostaxe doméstica municipal

59

A Concellaría de Servizos en colaboración coa asociación Adega está a realizar o segundo turno de visitas aos veciños de Mourente, Marcón e Bora que participan no programa de compostaxe doméstica que puxo en marcha o departamento que xestiona Carme da Silva.
Esta campaña iniciouse o pasado mes de marzo coa entrega dos composteiros e unha xornada de formación para as persoas que solicitaron participar nesta actividade municipal. En maio comezaron ás primeiras visitas aos domicilios para resolver dúbidas sobre calquera dos procesos da compostaxe e ver que se están a empregar correctamente.
Agora comezan os segundos turnos de visitas por parte dos técnicos de Adega para confirmar o bo desenvolvemento do programa e continuar resolvendo dúbidas.
Cabe lembrar que esta campaña iniciouse no pasado mandato polas parroquias de Salcedo e Tomeza, e esta segunda edición abarcou as parroquias de Mourente, Marcón e Bora coa intención de crear un plan de educación ambiental para adultos e informar e ilustrar sobre a xestión adecuada da materia orgánica devolvéndoa á terra, e reiniciando o seu ciclo “vital”.
A campaña de compostaxe doméstica rematará á finais de ano. Os técnicos de Adega farán até tres visitas aos domicilios, ao longo destes meses, para facer un seguimento do programa e resolver dúbidas. Ao remate, pasaralles unha enquisa para coñecer a súa opinión sobre este proxecto de iniciativa municipal.