As brigadas municipais realizaron durante estes días a limpeza do contorno do antigo colexio dos Campos, na parroquia de Mourente, tal e como comprometera o concelleiro delegado da parroquia, Luís Bará, cos veciños.
Consistiron na limpeza ao completo dos espazos interiores e do contorno da escola, que se completará nos vindeiros días co traslado de certos elementos ao punto limpo que a empresa concesionaria do servizo de limpeza, Cespa, ten no Campiño. Tamén está prevista unha poda de arborado da contorna do edificio.
Luís Bará ten a intención de ceder parte do edificio para o uso dos veciños de tal xeito que o poidan empregar para actividades sociais e veciñais. Na actualidade este edificio só ten habilitadas dúas salas que se empregan como almacén de material dos colexios electorais.