A ría será sede da Pontevedra Rowin Cup no mes de novembro

72

Pontevedra será á sede da Pontevedra Rowin Cup que se celebrará na ría de Pontevedra os vindeiros 1 e 2 de novembro. O Concello de Pontevedra patrocinará estas probas xunto aos concellos de Poio e Marín, ademais da Deputación de Pontevedra. Esta competición formará parte da Semana de vela e remo 2014 organizada por Abanca en distintas cidades galegas e portuguesas como Vigo, Coruña, ou Matosinhos, onde se organizan 5 competicións de vela e dúas de remo, estas últimas en Pontevedra.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores mantivo esta mañá un encontro co secretario xeral da Semana de Abanca, Manuel Pedro Seoane, e co presidente en funcións da Federación Galega de Remo, Manuel Seijas para concretar o patrocinio do Concello nesta proba.
Trátase dunha proba contra o reloxo que se celebrará na ría de Pontevedra, entre Tambo e as Corvaceiras, para cubrir unha distancia duns 6.500 metros. A competición masculina será de 8+ (modalidade de punta de oito tripulantes e sempre leva temoneiro. Sóese considerar a proba raíña do remo por ter maior velocidade e espectacularidade que o resto. Entran nesta modalidade a afamada regata Oxford-Cambridge). A proba feminina é de 4 Scull (bote de couple de catro remeiros).
O alcalde acordou apoiar estas probas para promover o remo na cidade, coa idea de ir incrementando a participación de clubs, de feito a intención a un futuro próximo é convertela nunha competición internacional coa participación de clubs internacionais.