A rehabilitación da Casa da Cultura de Tomeza, a moi bo ritmo

83

As obras de rehabilitación integral da antiga escola unitaria de Lusquiños para transformala na nova Casa da Cultura de Tomeza avanzan a moi bo ritmo, segundo puido comprobar esta mañá o concelleiro delegado da parroquia de Tomeza, Demetrio Gómez, que visitou o local acompañado dos concelleiros Pilar Comesaña e Anxos Riveiro.
O orzamento da obra achégase aos 168.000 euros para transformar esta sede nun local apropiado para a reunión e encontro dos veciños de Tomeza que cada vez están a organizar máis actividades neste espazo.
Esta rehabilitación foi unha das prioridades do Consello parroquial de Tomeza. Trátase dunha obra consensuada con todas as asociacións da parroquia, que tamén priorizaron a mellora do campo da festa.
Até o de agora, o edificio estaba dividido en dúas partes: o que era colexio e o que era casa do mestre. Esta última está en moi mal estado, polo que a actuación será integral para habilitar toda a superficie do edificio: un novo acceso cunha sala de estancia (lectura), unha sala de usos múltiples que se pode ampliar co peche da terraza do edificio, crearase unha nova aula no que era vivenda do mestre, onde tamén se situarán os aseos e o almacén do Local social. Tamén disporá dunha pequena cociña para realizar cursos.
A rehabilitación tamén inclúe melloras de eficiencia enerxética tanto na carpitería, na iluminación, e no tellado. Tamén terá o mobiliario adecuado así como acceso ás novas tecnoloxías a través de proxector, ordenador, equipo de son… entre outros.