A reforma diante do Hospital, antes do Nadal

80

O Concello de Pontevedra acomterá neste ano a creación dunha praza pública peonil diante do Hospital Provincial, na rúa Loureiro Crespo. O proxecto foi presentado esta mañá polo concelleiro de obras, Luís Bará quen explicou que se trata dun lugar moi céntrico que está en moi mal estado xa que presenta problemas de mobilidade peonil e de tráfico rodado, de estacionamento e tamén carece de espazos de esparcemento. Polo tanto, preténdese facer unha reforma para mellorar a calidade urbana do barrio  e crear un novo espazo de centralidade.

O proxecto abarca dende a rúa Cobián Arenal até a entrada das Urxencias do Hospital Provincial. Crearase unha praza pública de 1.200 metros cadrados que disporá de mobiliario urbano así como de árbores para tratar de crear zonas de sombra neste ámbito tan soleado. Crearase unha plataforma única con diferentes pavimentos: formigón, granito e lousas, e terá un orzamento de 360.000 euros.

Dende a rúa Casimiro Gómez até a entrada a Urxencias tamén está previsto mellorar este espazo cunha nova pavimentación, renovación do mobiliario urbano, resituación de certos elementos que interrompen a mobilidade peonil, a retirada do carril bici, entre outras melloras.

Toda esta intervención implica unha reorganización da mobilidade deste ámbito. Dado que a nova praza será peonil, prohibirase o acceso rodado pola zona, agás para garaxes. Permitirase o acceso dende a rotonda de Doce de novembro até Antón Fraguas e até as Urxencias do Hospital, que até o de agora estaba prohibido. E está pendente de pechar outras propostas de mobilidade en relación aos tráficos da rúa Casimiro Gómez, Victor Cervera Mercadillo ou a travesía da Eiriña, que tamén desembocan en Loureiro Crespo.

O concelleiro de Obras informou que a intención é iniciar os traballos no Nadal (a pavimentación de Loureiro Crespo sería antes do Nadal) para rematalos en primavera.