A primeira Sesión vert-músicos arranca este domingo na praza Méndez Núñez

39

A praza de Méndez Núñez acollerá este domingo, entre as 13 e as 15 horas a primeira “Sesión vert-músicos” organizada pola asociación de músicos “Pontevedra ferve” e a hostalería da praza de Méndez Núñez. O concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez presentou esta mañá a iniciativa facendo de anfitrión dunha actividade que pretende promover e fomentar a música en directo en espazos públicos e de forma continua, durante todo o ano.
A iniciativa foi proposta pola Asociación de músicos que traballa coas seguintes premisas:
• Que actuen grupos ou cantautores locais
• Que se respecten os horarios e os decibelios
• Que a programación non coincida con outras actividades que o Concello teña programa nesta zona da cidade.
A iniciativa consiste en que a hostalería de cada praza –xa que o proxecto está aberto a todas as prazas da cidade- autoxestione a contratación de músicos ou grupos en base a unha listaxe que achegue a asociación, que fai de intermediario nesta iniciativa.
A hostalería da praza de Méndez Núñez, en concreto, co apoio dos locais Chilara, Trueque e Gramola, foi a primeira en querer acoller esta novidosa actividade que xa conta con formatos similares noutras cidades galegas.
A primeira Sesión vert-músicos será este domingo, 8 de xuño, entre 13 e 15 horas en Méndez Núñez, pero xa están programadas outras actuacións os domingos 15, 22 e 29 de xuño, con músicas e estilos distintos.
A hostalería ofrecerá un pulpeiro que servirá a todas as persoas que se senten nunha terraza, independentemente de cal sexa, e tamén ofrecerán pinchos especiais para a ocasión.