A Concellería de Turismo e Feprohos amosarán aos hostaleiros a importancia das Redes Sociais

71

A Casa da Luz acollerá o próximo luns, día 28, unha xornada formativa sobre Redes Sociais dirixida ao sector hostaleiro (hoteis, restaurantes, locais nocturnos e cafeterías). O curso, que é gratuíto, será de 17 a 19 horas e ofrecerá unha gran oportunidade para aproveitar o potencial destas ferramentas.

A iniciativa, que nace da colaboración da Concellería de Promoción Económica e Turismo e a Federación Provincial de Hostalería (Feprohos), foi presentada hoxe pola edil, Carlota Román, e o presidente empresarial, César Sánchez. Estiveron acompañados de Víctor Gómez, responsable do curso como consultor e experto en Márketing e Innovación.

Para participar basta con inscribirse na páxina de Facebook de Feprohos ou contactar a través do enderezo electrónico feprohos@restauraaccion.com.

Carlota Román lembrou que o seu departamento utiliza dende hai tempo as Redes Sociais para as campañas de promoción turística e tamén ten organizado eventos como os congresos de Unirede, os cursos de “community manager” para comerciantes ou os certames de tapas ou “showcookings”.

A concelleira quixo tamén aproveitar a ocasión para reclamar a urxencia da creación dunha asociación local de hostaleiros que sirva ao Concello como apoio para seguir organizando actividades.

César Sánchez revelou que Feprohos detectou hai tempo que hai carencias en materia de comunicación e marketing por este motivo decidiu organizar este tipo de actividades formativas.

Víctor Gómez insistiu en que o consumidor ten cambiado moito, porque agora dispón de toda a información a través dun “smartphone” que leva no peto. Agora, ademais de consumir, gústalle compartir as súas experiencias. Adiantou que as dúas horas da actividade serán eminentemente prácticas, con exemplos reais, e os asistentes aprenderán a elixir en que Redes Sociais cómpre estar, que contidos hai que subir e como poñer en marcha campañas para difundilos e xerar tráfico cara os seus establecementos.