A Concellería de Promoción Económica oferta as últimas 16 prazas para participar nos itinerarios formativos do ILES

35

Os sete últimos itinerarios de inserción laboral (cursos de formación, seguidos de prácticas tuteladas en empresas colaboradoras no Plan de Emprego Local) do programa municipal ILES comezan a principios deste mes de setembro. A Concellería de Promoción Económica ten todo listo e só falta por cubrir 16 prazas correspondentes aos cursos de monitores de actividades acuáticas.

Ata o próximo luns, nas oficinas do programa ILES en Ponte Muíños (Lourizán), admítense as solicitudes das persoas interesadas en participar nos cursos de Monitor de actividades acuáticas para persoas dependentes e Monitor de Natación Sincronizada. Hai oito vacantes en cada unha das especialidades. Os interesados deberán superar, ademais, dúas probas físicas consistentes en nadar 200 metros en menos de dous minutos e 30 segundos e “bucear”, sen apoio, unha distancia de 12 metros.

A concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, anuncia o comezo de cinco itinerarios de inserción do ILES para o próximo luns, día 8. Serán os correspondentes ás especialidades de Auxiliar de Xeriatría, Atención especializada a enfermos de alzheimer, atención á infancia, Camareiro/a de pisos e Atención sociosanitaria a persoas no domicilio. Os dous relativos ás actividades acuáticas botarán a andar o próximo día 15. Cada curso ten unha capacidade de 15 persoas e unha duración de 365 horas.

A responsable municipal recalca que os alumnos/as do proxecto ILES perciben, ademais de formación e prácticas laborais, unha remuneración de 15 euros por cada xornada de asistencia, sempre que carezan de calquera outra prestación ou subsidio.

Os participantes, a excepción destas 16 prazas vacantes, xa están seleccionados a partir das listaxes remitidas polas oficinas do Servizo Galego de Colocación, único punto onde os candidatos/as puideron solicitar a súa inclusión nas listaxes. Carlota Román destacou durante a presentación desta última fase do programa municipal que isto supón un filtro de imparcialidade moi necesario nestes tempos. Queremos tratar aos parados sempre co máximo respecto e dicirlles que na Concellería de Promoción Económica a porta de entrada é o mesma para todos, recalcou.

Entre as cuestións que se valoraron para efectuar a selección final figuraba o empadroamento no concello de Pontevedra, non ter participado participado en edicións anteriores de ILES, o sexo feminino, seren menor de 30 anos ou maior de 45 anos, a pertenza a colectivos especiais, seren demandante de primeiro emprego, levar parado entre 2 e 5 anos ou máis de 5 anos, e, finalmente, o resultado dunha entrevista persoal.

O programa ILES, de duración trianual, está financiado polo Fondo Social Europeo. A Concellería de Promoción Económica aproveitou os bos resultados acadados durante estes tres anos, nos que superou un índice de inserción laboral superior ao 50%, para solicitar unha prórroga de seis meses, que foi concedida e permite agora afrontar esta última convocatoria. A andaina prolóngase así ata o 31 de decembro con 173.032 euros de novas achegas da Unión Europea, que foron complementadas con 43.258 euros da Concellería de Promoción Económica. As cifras finais do ILES chegan así a un investimento total de 1.579.419 euros, dos que o 80% corresponden aos fondos da Unión Europea e o resto ás achegas municipais.