A Concellería de Promoción Económica impulsa convenios coas asociacións empresariais de Pontevedra

65

As tres principais asociacións empresariais da cidade recibirán 43.625 euros en forma de convenios coa Concellería de Promoción Económica para a realización de diferentes actividades que teñen, como denominador común, a dinamización comercial da cidade.

A concelleira Carlota Román comunicoullo hoxe aos presidentes da Asociación de Empresarios (Aempe), José María Araújo; do Centro Comercial Urbano Zona Monumental, Miguel Lago, e da Asociación de Empresarios Novos (AJE), José Manuel Valenzuela, durante unha xuntanza que mantiveron na Casa da Luz.

A responsable municipal destacou o papel que xogan os representantes empresariais en Pontevedra e a súa absoluta colaboración co Concello de Pontevedra, como quedou demostrado co acordo asinado hai dous anos para coordinar todas as actividades de formación que se ofertan tanto dende as asociacións, como dende a Cámara de Comercio e tamén dende o propio Concello.

Durante esta anualidade 2014 AEMPE percibirá un total de 16.000 euros para campañas de promoción comercial; organización da feira da Educación, Edugal; premios da Muller Traballadora, campaña “Pontevedra a escena”; e a campaña de fin de ano “Ponte Nadal”.

O Centro Comercial Urbano Zona Monumental terá unha achega de 22.625 euros para os festivais de Fin de Cole e Volta ao Cole, Feira da Mel, alumeado de Nadal e a feira de artesanía Pontenadal.

Pola súa banda, AJE recibirá un total de 5.000 euros para a organización do XIX Premio Novo Empresario do ano e actividades de formación.