A Concellería de Educación promove a alimentación saudable nos colexios de Pontevedra da man de Onda Cero

62

Unha alimentación saudable e a práctica regular do deporte son elementos imprescindibles para o crecemento físico e intelectual dos rapaces. A Concellería de Educación botou a andar hoxe, no colexio de San Bieito de Lérez, un programa educativo da man de Onda Cero para promover estes valores.
O concelleiro Agustín Fernández estivo no centro e intercambiou opinións cos rapaces, que mesmo lle fixeron unha breve entrevista para coñecer as súas preferencias gastronómicas e deportivas. Fernández aproveitou tamén para explicar as distintas iniciativas emprendidas polo Concello en materia de promoción dunha alimentación sá, capitaneadas dende hai anos pola implantación dos comedores escolares, e a promoción do deporte dende a idade escolar.
No programa, dirixido aos alumnos de Primaria, participaron os alumnos de Primeiro e Quinto. A profesora de Ximnasia e o titor de Quinto foron tamén entrevistados e achegaron as súas experiencias.
Finalmente, procedeuse á entrega de exemplares do puzzle “O Estirón”, nas que unha personaxe coñecida como Miguelón dá valiosos consellos dende un enfoque didáctico, pero tamén lúdico. O programa pasará nas próximas semanas por outros catro colexios pontevedreses.