A Concellería de Educación atende as peticións da comunidade escolar de Xeve e dota ao comedor dun aseo

72

O colexio de Santo André de Xeve conta xa cun aseo ao carón do comedor escolar. O concelleiro de Educación, Agustín Fernández, visitou hoxe estas obras, que responden a unha demanda da Asociación de Nais e Pais e da propia Dirección do centro.

Fernández comprobou a idoneidade deste pequeno aseo, no que o seu departamento investiu 6.852,27 euros, a pesar de que non se trata dunha competencia municipal, senón dunha actuación que, polas súas características, compete á Consellería de Educación da Xunta de Galicia. O edil lembrou que as competencias municipais abranguen unicamente as obras de mantemento e conservación, pero diante da urxente necesidade desta obra e o desinterese da Consellería, optouse por sacala adiante.

O novo aseo foi habilitado nun espazo destinado a almacén do comedor, no soto do colexio. Aínda que as obras están aínda pendentes da instalación da porta, a comunidade escolar de Xeve xa o está a utilizar dende hai uns días, porque evita que os nenos (especialmente os máis pequenos) teñan que subir as escaleiras para acudir aos servizos do primeiro andar.

Agustín Fernández destacou que o Concello investiu máis de 75.000 euros no colexio de Xeve dende o ano 2007. As obras realizadas dende entón consistiron na instalación dunha área infantil de xogos, pavimento na pista deportiva, pavimento para psicomotricidade en aula de infantil, muro de peche, instalación de portas para acceso de vehículo ao pavillón, reparacións de tellas, selado da xunta de dilatación no comedor e arranxos na vivenda do conserxe. A elas súmase agora o novo aseo do comedor.