A Concellería de Deportes aproba a convocatoria de case medio millón de euros en subvencións aos clubs

67

A Concellería de Deportes mantén o esforzo económico de apoio ao deporte base e aos clubs pontevedreses sen facer ningún tipo de recorte. A Xunta Rectora do Instituto Municipal de Deportes (IMD) aprobou hoxe as bases e a convocatoria das tres principais liñas de subvencións, que totalizan 470.000 euros.

A aposta municipal é incuestionable, pois esta convocatoria chega días despois de que a Concellería de Turismo asinara os contratos de publicidade cos clubs máis representativos da cidade, por importe de 250.000 euros, e de que a de Deportes asinara tamén convenios pola organización de actividades concretas que equivalen a axudas por valor doutros 60.000 euros.

O concelleiro Agustín Fernández destacou que a achega total do Concello, a partir das concellerías de Deportes e Turismo, chega, por tanto aos 780.000 euros. Unha cantidade reveladora e que supera moi claramente as procedentes das outras Administracións, máis preocupadas de facer fotos de entrega de cheques por pequenas cantidades que dun apoio real ao deporte.

En canto aos 470.000 euros das subvencións aprobadas hoxe pola Xunta Rectora do IMD están repartidas en tres liñas:

A primeira apoia o deporte federado porque está dirixida a facilitar a participación en competicións oficiais da temporada 2013/2014. Está dotada cunha partida de 291.000 euros.

A segunda liña subvenciona a organización e desenvolvemento de actividades deportivas ordinarias ao longo desta anualidade. Está desglosada en competicións deportivas (no recollidas na primeira liña) e actividades puntuais de promoción deportiva. A dotación global é de 60.500 euros.

A terceira liña apoia as Escolas Deportivas Municipais, cunha dotación total de 119.500 euros. Está, á súa vez, subdividida no Programa de iniciación deportiva para nenos e nenas en idade escolar, o Programa de centros escolares das parroquias (iniciación deportiva) e, finalmente, o Programa para grupos especiais (persoas con discapacidade, terceira idade, etcétera).

Agustín Fernández destacou que a aposta económica para o apoio directo ao deporte base mantense invariable, a pesar da crise. Un claro indicio do interese do Concello por este apartado.

En canto á xestión administrativa das axudas, a convocatoria deste ano chega tamén con importantes novidades, concibidas para axilizar os pagos e facilitar os trámites aos clubs.

O mais importante, destacou, é que se adianta a aprobación da convocatoria, trasladándoa aos primeiros meses do ano para que os clubs podan cobrar na mesma anualidade e non na seguinte, como se viña facendo ata o de agora. Agárdase que as subvencións podan empezar a cobrarse no verán. Fernández insistiu en que canto máis axilicen os clubs a entrega da documentación, antes percibirán as cantidades que lles correspondan.

Na liña de subvención anual á actividade federada poderá percibirse un anticipo dun 30%, con xustificación “a posteriori”. O importe restante irase pagando a conta, factura a factura, o que tamén suporá un adianto considerable, pois ata o de agora non se libraba a subvención ata a xustificación da totalidade. Fernández explicouno dicindo que se unha actividade faise en xuño, cobrarase en xullo.

Por outra banda, a temporalidade das actividades subvencionables irá do 1 de novembro de 2013 a 30 de outubro de 2014, co obxectivo de superar a diverxencia entre as temporadas deportivas e os exercizos contables das Administracións públicas, que son anuais.

Finalmente, acordouse reducir o prazo de presentación de solicitudes a só 20 días naturais, en lugar dos 30 das anteriores convocatorias, porque a Concellería de Deportes entende que é mais que suficiente segundo a experiencia acumulada. A redución permite, ademais, gañar tempo na adxudicación e, consecuentemente, no cobro por parte dos clubs adxudicatarios.