A cidade recupera o pulso das obras urbanas no inicio do curso

59

O Concello de Pontevedra inicou obras en distintos barrios da cidade dende o inicio da semana. Dende arranxos nos quioscos da praza de Barcelos ou traballos de separativa de pluviais e fecais, até o grande investimento do desdobramento da avenida de Vigo.

Estase a executar 40 metros de rede separativa de augas pluviais e fecais a cargo dos investimentos que a empresa concesionaria Viaqua ten que facer no concello. Son 20.000 euros de inversión na rede entre a rotonda de Fernández Ladreda e a avenida de Vigo.

Os traballos en Raíña Vitoria e Alameda para mellorar a seguranza viaria e a accesibilidade comezarán mañá coa demolición de bordos e beirarrúas. Os valados xa están colocados prohibindo o estacionamento durante o tempo das obras, que deberán estar rematadas na avenida Raíña Vitoria antes do inicio do curso escolar. Non está previsto cortes de tráfico e cando sexa preciso facer os lombos faranse de noite ou en escasa afluencia de tráfico.

Tamén se están a realizar obras na rúa Xofre de Tenorio: mellora de beirarrúas e pavimentación. Cando chegue o asfaltado informarase debidamente aos residentes e condutores.

O Concello está a pavimentar dúas pequenas rúas transversais a Arcebispo Malvar, de acceso a garaxes, que se atopaban en moi mal estado de conservación.

Iniciáronse nesta semana arranxos nos quioscos da praza de Barcelos. A brigada municipal de obras está a retirar os elementos de publicidade dos quioscos que poden cair á praza, así como tapar a parte do quiosco que dá ao colexio de Barcelos.

Ao respecto da avenida de Vigo, o concelleiro de obras, Luís Bará explicou esta mañá que os traballos comezaron co levantamento topográfico da parcela, a demarcación do espazo polo que pasará o vial, con acopios de materiais próximos á rotonda do nó do Pino, e en breve comezarase a roza de toda a parcela.

Un dos primeiros traballos destas semanas será facer o acceso para camións e maquinaria pesada ao lugar de traballo dende a rotonda do nó do Pino, polo que será preciso desviar o paso peonil habilitado actualmente nese punto. Desvialo cara á dereita (en sentido da cidade) e atravesar por un paso de peóns.

Tamén estase a avisar a todos os propietarios dos valados publicitarios que están no nó do Pino para que pasen a retiralos dado que se trata dunha parcela privada na que non se poden instalar.

Luís Bará lembrou que o Concello ten a obriga de xustificar nesta anualidade 2.1 millóns de euros polo que "será necesario un alto ritmo nos traballos". O prazo de adxudicación da obra é de 12 meses, e está previsto que remate no vindeiro mes de setembro.

O custe do desdobramento é de 3,7 millóns de euros, e a empresa ofertou melloras por 1.1 millóns que son:

  • Reurbanización do primeiro tramo da avenida de Vigo
  • Reurbanización da avenida da Estación.
  • Completar a senda urbana do río Gafos neste tramo
  • Completar a urbanización da rúa Luís Seoane
  • Arranxo do camiño peonil que une a avenida de Vigo coa avenida da Estación.