ExpoBeauty e PONMO, dous eventos que activaron a economía local durante a fin de semana

72

Despois dunha fin de semana na que a cidade acolleu dous eventos de relevancia, como a pasarela de moda PONMO e a feira da Perruquería e Estética ExpoBeauty (xunto co congreso Galicia Look and Fashion), a Concellería de Promoción Económica fai un balanzo moi positivo tanto sobre a proxección sectorial de Pontevedra como do impacto económico na hostalería local.

A concelleira Carlota Román destacou que trátase de dúas referencias que naceron o ano pasado no marco da liña de traballo estratéxica iniciada neste mandato municipal para promocionar feiras, congresos e eventos de negocios. Nesta segunda edición decidiuse programalas case simultaneamente, o que permitiu que un mesmo público tivera acceso a unha oferta completa e complementaria. Así PONMO ofreceu os dous desfiles principais nas noites do venres e o sábado, ao tempo que a feira e o congreso ocupaban as xornadas do sábado, domingo e onte, luns.

Román subliña que foi unha aposta que tiña os seus riscos, pero todo o mundo quedou moi satisfeito, polo que xa se está a traballar para repetir formato nas terceiras edicións de PONMO e ExpoBeauty, que se celebrarán nas mesmas datas de 2015.

A Concellería de Promoción Económica confirmou que cinco hoteis da cidade estiveron cheos ou case cheos durante a fin de semana e varios rexistraron bos niveis de ocupación. Por outra banda, os restaurantes e locais nocturnos percibiron tamén claramente o efecto de PONMO e ExpoBeauty dende o xoves ao domingo pasados.

Os últimos datos dispoñibles indican que máis dun milleiro de persoas presenciaron os desfiles de PONMO e unhas 7.000 persoas pasaron polo Recinto Feiral durante os tres días de ExpoBeauty. A feira pechou con importante volume de negocio para os expositores e unha longa axenda de novos contactos comerciais. Tamén quedou patente a afluencia de profesionais da Perruquería e Estética non só de Galicia senón de diversos puntos da Península, especialmente de toda a zona Noroeste.

A concelleira volveu subliñar que a liña estratéxica para atraer eventos feirais, congresuais e relacionados cos negocios a Pontevedra leva dous anos dando froitos e xerando un movemento económico que xa resulta indiscutible. Unha aposta que débese, engadiu ás características urbanas da cidade e das súas infraestruturas feirais e congresuais, idóneas para eventos de tamaño medio. Así, mentres os recintos feirais doutras cidades galegas e españolas languidecen, Pontevedra acolle en torno a 14 eventos anuais.