Continúa aberta a inscrición para o chipeado de cans até o 15 de maio

55

A Concellaría de Sanidade Animal mantén aberto o prazo de inscrición na campaña de chipeado de cans até o vindeiro 15 de maio. Todas as persoas interesadas en participar poderán inscribirse previamente no teléfono 986 80 43 00 ext. 7583.
O chipeado de cans é a primeira acción da campaña Yes, we can que pon en marcha a Concellaría de Sanidade Animal xunto as entidades Palleiros, Difusión Felina e Adopcións Galicia, que pretende ir solucionando o principal problema que ten o mundo dos cans, que son os abandonos.
A Concellaría en colaboración con distintas clínicas veterinarias da cidade ofrecen por 25 euros a posibilidade chipear aqueles cans que aínda non estean. Este chip permitirá reducir abandonos e localizar aos donos dos cans perdidos. Segundo os datos ofrecidos polo concelleiro delegado, Miguel Filgueira, o número de abandonos rexistrados pola Asociación Palleiros foi máis de 350 en todo o ano.
A concellaría continuará no mes de xuño cunha xornada de adestramento (aínda por concretar) que se desenvolverá cunha parte teórica pola mañá e unhas xornadas prácticas pola tarde (con grupos reducidos) a cargo dun adestrador de cans. Tamén no mes de xuño, pero os domingos de mañá, faranse rutas por espazos naturais guiadas por un adestrador co  propósito de dar unhas nocións de como se debe actuar cun can nun medio natural.
E co refuxo de cans rematado, e a partir do mes de setembro, Yes we can chegará aos centros de ensino iniciando unha campaña de sensibilización entre os escolares que poderán visitar o refuxo de animais e facer actividades nel, en colaboración coa Asociación Palleiros.
Miguel Filgueira explicou que a primeiros de ano tamén se iniciou a campaña de castración e esterilización de gatos, actuando colonia a colonia. No ano 2013 castráronse arredor de 100 gatos e este ano ten o mesmo obxectivo.