Comezan as obras de mellora dos servizos na rúa Gorgullón

101

O Concello de Pontevedra iniciou esta semana o proxecto de saneamento do río Gafos, coa renovación de toda a rede de servizos de abastecemento de auga potábel, de saneamento e de recollida de pluviais na rúa Gorgullón. Este proxecto ten un orzamento de 318.282,22 euros, procedentes do plan de investimentos da empresa Viaqua.
Neste momento os traballos localízanse na rúa do Muíño, pero tamén se estenderán á rúa Eduardo Pondal e tamén a Gorgullón.
O proxecto consistirá na substitución das canalizacións de auga potábel de fibrocemento por conducción dúctil. Tamén se dimensionará a rede de saneamento que pasará de ter tubaxes de 315 mm a 500mm e, especialmente os tubos de recollida de augas pluviais que son de 315 mm e de 400 mm segundo os lugares, e pasarán a 630 mm na rúa Gorgullón e a 800 mm no entronque cara o río Gafos.
As augas fecais conectaranse co colector do Gafos, e as pluviais dirixiranse ao río.
Os traballos terán unha duración aproximada duns catro meses, aínda que esta previsión poderá variar en función das previsións meteorolóxicas.
Raimundo González, concelleiro delegado do ciclo da auga, explicou que con estas obras se solucionarán os asolagamentos habituais na rúa Gorgullón, dado que recibe un caudal de augas pluviais excesivo procedentes de toda a rúa, das perimetrais e tamén de Eduardo Pondal.