Aprobado o pago da totalidade das liñas de subvencións aos clubs deportivos da cidade

101

A Xunta Reitora do Instituto Municipal de Deportes aprobou hoxe a resolución pola que se acorda o pago da liña de subvencións para a organización e desenvolvemento de actividades deportivas ordinarias ao longo deste ano 2014.

Sobre un total de 70 solicitudes quedaron aprobadas as 50 que cumprían as bases da convocatoria. E sobre unha partida económica total de 60.500 euros outorgáronse axudas por valor de 57.889,12 euros.

O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, destacou que con este acordo quedan aprobadas as tres principais liñas de subvencións deste departamento municipal, pois xa en meses pasados aprobáronse as resolucións relativas ás liñas de subvencións de apoio ao deporte federado (291.000 euros) e para o funcionamento das Escolas Deportivas Municipais (119.500 euros). En total, coas tres liñas, as axudas da Concellería de Deportes a través do IMD alcanzan os 470.000 euros.

Os clubs que se benefician da resolución adoptada pola Xunta Rectora do IMD practican especialidades deportivas moi diversas e as axudas sufragan tanto actividades puntuais como a organización de competicións deportivas ao longo deste ano.

Por outra banda, a Xunta Reitora aprobou o proxecto de substitución das bombas de calor para a produción de Auga Quente Sanitaria do Pavillón Municipal dos Deportes por caldeiras de biomasa. Co acordo dan comezo os trámites para a contratación desta mellora.

Agustín Fernández explicou que as duchas aliméntanse agora coa mesma bomba de calor que proporciona calefacción, xunto cunha caldeira auxiliar de gasoil, o que non se axusta á normativa actual.

O Instituto Municipal de Deportes vai investir 139.228,83 euros para instalar esta nova caldeira de biomasa, alimentada con pellets, na sala de máquinas e cumprir así todos os requisitos que garantan a continuidade da actividade, así como minorar o impacto ambiental da instalación municipal.