AJE agradece a colaboración do Concello para financiar os premios provinciais aos empresarios e emprendedores

46

O mellor empresario novo e o mellor emprendedor da provincia de Pontevedra serán agasallados o próximo día 21 de novembro durante o fallo e entrega dos premios que organiza anualmente a “Asociación de Jóvenes Empresarios” (AJE) coa colaboración económica da Concellería de Promoción Económica.

A directiva de AJE, representada pola súa presidente Lucía Pedroso, a tesoureira Marta Durán e o vocal Javier Díez, presentou hoxe a convocatoria deste ano ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e á concelleira Carlota Román.

O premio Empresario Novo do ano 2014 está dotado con 3.000 euros en formación na Escola de Negocios de Afundación e un iPad. O premio Emprendedor ten unha dotación de 2.000 euros en formación en Afundación, o aloxamento gratuíto durante un ano nun viveiro do Consorcio da Zona Franca de Vigo e un iPad. Haberá tamén dous accesit para recoñecer a innovación e a creación de emprego.

O acto celebrarase no Liceo Casino a partir das 21.00 horas e estará precedido pola xuntanza do xurado cualificador das diferentes candidaturas.

Os premios están patrocinados pola Concellería de Promoción Económica, que asinou un convenio coa entidade empresarial para financiar con 6.000 euros esta convocatoria e a actividade “AJE Móvese”, destinada tamén a promover o emprendemento empresarial.

O alcalde enxalzou o papel dos emprendedores, que axudan a crear postos de traballo e dinamizar a economía, e lamentou as dificultades que as últimas reformas legais crean para desenvolver políticas municipais de emprego ou mesmo para asinar convenios de colaboración con entidades empresariais como AJE. Da mesma opinión mostrouse Carlota Román, quen garantiu que manterase a colaboración cos empresarios ata onde sexa posible.

Lucía Pedroso agradeceu o apoio do Concello, un dos poucos que, a pesar da crise, non reduciron a súa colaboración coas entidades empresariais nin os orzamentos dedicados ao fomento do emprego e a actividade económica. Un agradecemento que quixo facer expreso na persoa da concelleira de Promoción Económica, “que ten traballado moito en favor do emprendemento”.