A semana comeza coas obras de Raíña Vitoria e do desdobramento da avenida de Vigo

30

O Concello de Pontevedra retoma a vindeira semana o pulso da xestión co inicio de varias obras de especial relevancia na transformación urbana da cidade.
Ao longo da semana iniciaranse os traballos de mellora da seguranza viaria e accesibilidade nas rúas Raíña Vitoria e Alameda. O luns está previsto que se instalen as casetas de obra e comece o valado de todo ámbito no que se traballará en Raíña Vitoria, por onde comezará a mellora dado que esta parte ten que estar rematada antes do inicio do curso escolar e do paso da Volta ciclista pola cidade.
Os primeiros traballos consistirán na demolición de bordos e ampliación de beirarrúas, polo que non está previsto pechar a rúa ao tráfico, polo menos, nos primeiros días.
En Raíña Vitoria ampliarase o paso de peóns elevado na entrada do instituto Sánchez Cantón, e aproveitarase para eliminar tres ou catro prazas de estacionamento no sentido de circulación cara ao centro da cidade, e inmediatamente antes de chegar á entrada do instituto, para darlle máis visibilidade aos condutores. Tamén se elevará o paso de peóns situado no Hotel da Barca.
Na rúa Alameda, elevaranse os pasos de peóns máis próximos ao cruzamento da rúa Echegaray, e instalarase un redutor de velocidade no paso de peóns máis próximo á rotonda de San Roque. Neste caso non se pode optar por un paso elevado dado que se atopa na entrada a un garaxe.
O orzamento desta actuación é de 60.439 euros.
Xofre de Tenorio
O luns tamén se retomarán os traballos de eliminación de barreiras e construción de beirarrúas na rúa Xofre de Tenorio, onde se está a facer unha renovación integral do pavimento e mellorando o entronque coa rúa Xan Guillerme. Os traballos están iniciados pero continuarán este luns, até rematarse.
O orzamento desta actuación é de 60.026 euros.
Novo acceso sur
Tamén o luns comezarán os traballos previos do novo acceso sur da cidade (desdobramento da avenida de Vigo). Aínda que o día concreto está pendente de pechar, si está confirmado que se iniciarán coa roza de toda a parcela municipal así como o levantamento topográfico, para logo continuar co movemento de terras e explanación dos terreos.
As obras serán realizadas pola UTE Covsa-E.C.Casas cun orzamento de 4.156.000 euros, ademais a empresa ofertou en melloras 1.160.000 euros para a reurbanización do primeiro tramo da avenida de Vigo, da avenida da Estación, a mellora do paso peonil entre a avenida da Estación e a avenida de Vigo, a continuidade da rúa Luís Seoane, a mellora dos servizos, así como completar a senda peonil do río Gafos.