A Selección Española de Balonmán Junior, de visita no Concello antes do seu amigable co club Cisne

63

A Casa do Concello respirou balonmán esta mañá. A Selección Española Junior fixo parada antes de enfrontarse, esta noite, ao Cisne, nun partido amigable que forma parte dos actos do cincuentenario do club pontevedrés.

Os xogadores, acompañados do corpo técnico, foron recibidos polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, e o presidente do Cisne, Santiago Picallo, que lles desexaron os maiores éxitos no próximo Europeo, que se celebrará os próximos 14 e 15 de agosto na cidade polaca de Gdansk.

Agustín Fernández expresou o seu agradecemento á Federación Española e ao Cisne por ter feito posible esta concentración. O equipo nacional chegou o luns a Pontevedra e permanecerá aquí ata o próximo mércores afrontando sesións de adestramento que duran 5 horas diarias.

O concelleiro lembrou o seu recente pasado como directivo do Teucro e explicou que Pontevedra é unha cidade cunha forte tradición deportiva en moitas especialidades, pero que respira balonmán.

Alberto Sainz, adestrador do combinado español, confirmou estas palabras explicando a súa sorpresa pola gran cantidade de afeccionados que se interesan polo equipo ou pola constante presencia de adestradores durante as sesións que levan a cabo na cancha do Pavillón.

Falou tamén da impresión que para moitos xogadores causa adestrar no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra, unha das referencias arquitectónicas do balonmán español. Algúns deles xa teñen disputado algún torneo nesta instalación e outros tiñan oído falar del. Sainz subliñou a limpeza e a beleza do deseño elaborado hai varias décadas polo arquitecto De la Sota.