A rede turística municipal pecha o ano 2014 cun incremento dun 22% na afluencia de visitantes

70

O ano 2014 pecha con bos datos de afluencia á rede municipal de información turística cun total de 66.324 visitantes ata o pasado día 15. Remata así un ano moi satisfactorio e que tivo varios picos a subliñar, especialmente os meses de agosto (+24%), setembro (+40%) e mesmo tamén o que vai deste mes de decembro.

Carlota Román remarcou que a análise dos datos revela que a política municipal de atracción de eventos deportivos, feirais-congresuais e culturais está a producir importantes efectos na atracción de visitantes e, por tanto, na ocupación hoteleira. Non hai ningún factor que nos faga pensar nunha recuperación do turismo derivada dunha suposta melloría da situación económica, engadiu.

A concelleira indica que os picos de ocupación que coincidiron co Campionato de España de Natación infantil (febreiro), Mundial de Duatlón e o Campionato de España de Baloncesto Infantil feminino (maio-xuño), a Feira de Perruquería e PONMO (setembro) e o PontedeTapas, Campionato de España de Taekwondo e Culturgal (decembro) son moi significativos. Sen esquecer que, ao longo do ano, a cidade beneficiouse dun goteo constante de 12 congresos e seis feiras.

Carlota Román recalca que o papel do Concello como dinamizador da actividade turística, cultural, deportiva e feiral está a producir claros resultados e cómpre continuar traballando para que isto se traduza tamén nunha maior colaboración público-privada a través da empresa municipal Turismo de Pontevedra. Está claro que os empresarios do sector turístico nun sentido amplo e o Concello temos intereses comúns e está claro que iso debe traducirse nunha estratexia de cooperación permanente, que xa non pode continuar xestionándose a golpe de colaboracións puntuais.

A concelleira tamén destaca o xiro na política turística municipal que supuxo a aposta hai xa dous anos polas novas tecnoloxías coa organización de blogtrips e as promocións en Facebook, Twitter, Youtube ou Instagram, utilizando, entre outras estratexias, o reclamo do loro Ravachol. Un bo exemplo desta nova etapa son as case 167.000 visitas do vídeo de Diego Pons dedicado a Pontevedra. A isto súmanse os avances na Pontevedra Film Commission, que crecerá en actividade durante o ano 2015 achegando valiosos resultados, tanto en captación directa como en promoción da cidade.

No que atinxe as estatísticas do ano que remata, os datos revelan que a Casa da Luz foi o principal punto de atención, cun total de 27.386 visitantes, seguida da caseta da praza de España con 26.829 e da caseta de Vialia-estacións con 12.109 visitantes.

Do total de visitantes case o 80% (52.796) son turistas nacionais, mentres que o restante 20% (13.528) procedían doutros países. Non obstante, se atendemos ao volume de crecemento en cada un destes grupos obtemos uns datos moi parecidos pois o turismo nacional creceu un 21% e o internacional un 23%.

En canto á procedencia dos visitantes mantense a tendencia habitual. Entre os nacionais predominan os madrileños e entre os internacionais os portugueses, aínda que crece o número de alemáns. Non obstante, hai diferencias claras nas súas pautas porque os nacionais chegan dun xeito máis repartido ao longo de todo o ano, mentres que os estranxeiros están moito máis concentrados nos meses do verán.

En canto ao lugar e tipo de aloxamento elixido volve predominar a propia cidade de Pontevedra. Un 26% dos turistas dixeron durmir na capital da provincia, consolidando así unha tendencia establecida xa durante os últimos anos. O 22% proviña de Sanxenxo; un 12% da zona Norte da Provincia. O 73% dos turistas alóxanse en hoteis e un 10% no albergue de peregrinos. O 48% dos visitantes chega a Pontevedra en coche, o 25% en autocar, o 17% en avión, o 7% son peregrinos e case o 2% viaxa ata a nosa cidade en tren.

Finalmente, un total de 1.651 persoas participaron nas visitas guiadas no ano 2014, o que supón un aumento de 543 participantes con respecto ao ano anterior. A información demandada foi variada, pero destaca a relativa á propia cidade e a súa riqueza patrimonial, así como tamén espazos da bisbarra como Combarro, ou as zonas do Salnés e Santiago de Compostela. Tamén continúa o interese de moitos turistas por visitar adegas e pazos.