A rede municipal de información turística rexistrou un crecemento dun 24% no número de visitas durante o mes de agosto

57

O mes de agosto deixou boas cifras de afluencia á cidade de Pontevedra. Así se desprende das estatísticas que mensualmente elabora a Concellería de Turismo a partir das visitas á rede municipal de información turística.

A concelleira Carlota Román destacou que agosto pechou cunha suba dun 24% con respecto ao mesmo período do ano pasado, se ben volve recordar que o seu departamento só manexa cifras de consultas, que non teñen por que coincidir exactamente coas cifras de turistas, aínda que si poden evidenciar a tendencia xeral.

Durante o mes que vén de rematar pasaron polos tres puntos de información turística municipal (a Casa da Luz e as casetas da praza de España e Eduardo Pondal-Vialia) un total de 21.727 visitantes, entre os que, como é habitual, predominaron os nacionais cunha cota do 83%; os estranxeiros acadaron o 16% restante.

Ao analizar os datos, a Concellería de Turismo destaca a estabilidade dos patróns no turismo nacional, que segue encabezado polos madrileños (22,4% dos nacionais), seguidos dos andaluces co 15,3%. Uns datos, que, en opinión de Carlota Román, son valiosos na medida en que serven para ratificar a orientación das campañas de captación por parte da Concellería de Turismo no mercado nacional.

No que atinxe ao turismo internacional o cadro aparece dominado polos portugueses (26% dos estranxeiros); seguidos dos franceses, cun 15,7% e os alemáns e británicos (ambos cun 11% da cota).

En canto ao lugar e tipo de aloxamento elixido volve predominar a propia cidade de Pontevedra. Un 23,3% dos turistas dixeron durmir na capital da provincia, consolidando así unha tendencia establecida xa durante os últimos anos. O 20% proviña de Sanxenxo; un 13% da zona Sur da Provincia; outro 13% da zona Norte da provincia e cun 8% os chegados dende Santiago e tamén os turistas aloxados nos concellos da comarca da Pontevedra. De todos eles, o 69% durmía en hotel, un 9% en albergues , un 6% en domicilios particulares e outro 6% en vivendas alugadas. O turismo rural quedou no 5,8% e os campings no 3,2%.

O turismo familiar segue tamén a ser protagonista. O turista tipo está entre os 46 e os 60 anos e chega á cidade con nenos. Un 93% non coñecía Pontevedra e a impresión global foi moi positiva, especialmente tras a visita ao Centro Histórico. O 67% chegou a Pontevedra en coche, o 13,6% en avión e o 12% en autocar. Finalmente, en canto ao motivo da visita, destaca o clima e a paisaxe, cun 56,2% das respostas nos cuestionarios recollidos polo persoal de Turismo de Pontevedra.

O mes de agosto foi tamén un bo mes para as visitas guiadas, que partiron diariamente dende a Casa da Luz. Carlota Román destaca o incremento sostido neste apartado, así como o nivel de satisfacción dos turistas que participan na experiencia.

Os datos indican que un total de 854 persoas quixeron coñecer Pontevedra aproveitando o programa municipal de visitas guiadas, o que supuxo 303 persoas máis que as rexistradas en agosto do pasado exercizo. A información demandada foi variada, pero destaca a relativa aos elementos históricos e monumentais, pero tamén se detectou interese por visitar adegas e pazos. Os turistas tamén preguntaron con frecuencia pola posibilidade de visitar lugares como Combarro, a zona do Salnés ou a cidade de Santiago de Compostela.