A avenida de Lugo estrea aspecto combinando unha circulación máis fluída con máis espazo para os peóns

38

A avenida de Lugo loce dende hai varias semanas un aspecto completamente renovado. O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, realizou hoxe a visita final a unhas obras que, mantendo o dobre sentido de circulación, remarcaron o carácter residencial nunha das principais vías de entrada ao centro urbano.

As obras tiveron un orzamento 1.096.902,97 euros e estiveron a cargo de Eiriña Constructora.

Louro, que estivo acompañado de técnicos municipais e da empresa construtora, destacou que trátase dunha das obras de reforma urbana con maior superficie tratada, xa que abrangue 8.197 cadrados a consecuencia da importante anchura da vía, que ronda os 30 metros. Esta circunstancia permitiu un deseño con dobre carril de circulación en ámbolos dous sentidos e tamén unha importante ampliación das beirarrúas para dar servizo ao tecido comercial e residencial.

Outra das características principais son as beirarrúas asimétricas, pois no lado dereito (sentido de entrada) son máis amplas (11 metros) e pavimentadas con formigón negro pulido, creando amplo espazo peonil. Ao lado esquerdo teñen un ancho duns tres metros e pavimento de lastro cerámico. A rúa conta tamén con novo mobiliario urbano e dúas filas de cerdeiras de flor.

A obra renovou todos os servizos de augas pluviais, saneamento, abastecemento de auga e rede contraincendios, así como a dotación do novo sistema de iluminación pública. As empresas subministradoras de electricidade e telefonía aproveitaron tamén para soterrar os servizos que tiñan grampados a fachadas. Por outra banda, modernizouse un dos tubos principais de subministro de auga ao centro urbano.

O espírito do proxecto, remarcou Louro, pasou por embelecer unha entrada importante ao centro urbano e darlle “potencia”. Un dos obxectivos foi incrementar a rotación dos aparcamentos, ordenando senllos cordóns en liña para substituír o desorde anterior. A rúa quedou tamén dotada con zonas de carga e descarga, das que ata o de agora carecía, para abastecer ao comercio.

Axilizar a circulación rodada estivo tamén entre os obxectivos, pois ademais de manter o dobre carril mellorouse notablemente o deseño das dúas rotondas que marcan os extremos da actuación. Nos dous casos conseguiuse un trazado máis diáfano e uns resultados estéticos máis acaídos. A nova rotonda da serraría (no encontro coa rúa de Juan Carlos I) ten un diámetro exterior de 36 metros e a do cruzamento da avenida de San Mauro de 27,3 metros.

Antón Louro subliñou as difíciles condicións meteorolóxicas nas que se desenvolveu a actuación, con fortes choivas ao longo de todo o inverno e boa parte da primavera, o que significou un leve atraso “perfectamente comprensible”. De feito, as choivas de xaneiro e febreiro obrigaron a suspender os traballos durante varias semanas.

O tenente de alcalde remarcou a calidade da transformación realizada, na que se utilizaron materiais de gran calidade, así como o estreito contacto cos veciños e comerciantes, atendendo puntualmente todas as súas peticións nos remates e acabados nos accesos a portais e garaxes.

Antón Louro destacou que os resultados desta obra demostran o acerto do proxecto de reforma integral do eixe Loureiro Crespo-avenida de Lugo-barrio do Castañal, que precisa dun gran orzamento, pero que o Concello debe seguir executando por fases ata completar todo o seu percorrido.