Pontevédrate...

A Casa da Luz, na praza da Verdura, chámase así porque no século XIX había unha fábrica de electricidade

Roteiro Pintos

O Concello de Pontevedra dedica institucionalmente o ano 2011 a Xoán Manuel Pintos, coincidido coa celebración dos 200 anos do  seu nacemento no barrio do Burgo. Xoán Manuel Pintos foi unha das figuras máis importantes da literatura galega por ser pioneiro na reclamación da dignidade de Galiza e da súa lingua.

O itinerario deste roteiro propón un paseo pola Pontevedra de Xoán Manuel Pintos, visitando dez puntos significativos da vida e da obra deste persoeiro na Boa Vila, como son: o barrio do Burgo, Santa María, San Bartolomeu ou a Ferraría, entre outros.

Coñecer a figura de Xoán Manuel Pintos axudará aos participantes neste roteiro a entender os acontecementos políticos, sociais e culturais do século XIX, época de cambios significativos para a cidade de Pontevedra.

 

INTRODUCCIÓN

O paseo que propoñemos pola Pontevedra de Xoán Manuel Pintos comprende dez puntos significativos co obxectivo de:

- recoller os lugares da vida e da obra de Xoán Manuel Pintos na “boa vila”,

- atender aos traballos e aos días de figuras das letras universais que recuperou Xoán Manuel Pintos (Hermenegildo Amoedo Carballo e Sarmiento), lembrar aqueles autores que, directa ou indirectamente, tiveron relación co noso autor (Manuel Murguía, Rosalía de Castro...) e, finalmente, recuperar personaxes lendarios e históricos de Pontevedra por el citados (Teucro, Méndez Núñez...),

- presentar, sen escurecer a figura de Xoán Manuel Pintos, os acontecementos políticos, sociais e culturais do século XIX, época de cambios significativos para a cidade de Pontevedra,

- sumarnos, tal e como reivindicou o propio Xoán Manuel Pintos, á “reclamación da dignidade” da boa vila e do noso idioma.

 

1 - O BURGO (Lérez e arredores)

Nesta zona, punto de saída do paseo (confluencia da actual rúa Xoán Manuel Pintos coa estrada da Coruña, é dicir, na parte norte da ponte do Burgo), é onde se di que naceu4 e, posteriormente, residiu5 Xoán Manuel Pintos. O Burgo pertencía daquela á freguesía de Santa María, onde consta que foi bautizado.

Son habituais nas composicións de Xoán Manuel Pintos as mencións a este espazo (o eido no que vive, o cruceiro do barrio, a invocación ao santo...) onde asina boa parte da súa obra:

O que toca a gaita/co tamborileiro,
camiñando juntos/para o novo eido
que ten aquel mestre/no Burgo pequeno,
e chegando ó patio/que está unda o cruceiro
lle dixo a seu amo/o tamborileiro. (AGG, p. 103)

A capela do Burgo, da que existen noticias xa na época medieval, atopábase bastante desfeita6 no século XIX, mesmo se conta que o santo andaba de casa en casa. Acabouse erguendo outro edificio, trasladado xunto co cruceiro a outro lugar en 1858.

Dende antigo, a zona do Burgo era fundamental en canto ás comunicacións. Non se debe esquecer que por aí pasaba o camiño a Compostela, asentado sobre a vía XIX da época romana e da que quedaba aínda algunha pegada na época de Pintos.

O río Lérez é unha referencia literaria moi importante que xa aparece en autores como Sarmiento, Luís de La Riega... En Xoán Manuel Pintos o Lérez é tratado como locus amoenus:

E de entre as aguas azules/brincan peixes prateados,
e dourados,/por verte, pomba, a dormir
entre mil frutos e frores,/cal de amores
a reina do mar saír. (AGG, pp. 267-8)

A ponte do Burgo sobre o río ten, igualmente, unha dimensión evidente como centro de acontecementos históricos: sobre o que foi a vella ponte medieval, precedente da que hoxe se contempla, asinouse a Paz do Lérez (1165) entre galegos e portugueses; e, en relación con ela, explícase o propio topónimo da cidade. Ademais do acontecer histórico, a ponte do Burgo era coñecida por nela celebrárense os bautismos prenatais ante o cruceiro que se alzaba no centro (hoxe, segundo algúns autores, é o que se alza na praza da Leña).

Por outra parte, a ponte pode ser tomada como punto-observatorio da clara apoloxía que Xoán Manuel Pintos fai de Pontevedra, unha visión encomiástica que recolle a mención dos arredores nunha estampa bastante integral de toda a paisaxe. Desde a ponte poden ser lembrados distintos textos referidos á próxima fervenza da Fillagosa tan ligada á vida literaria da cidade (Xoán Bautista Andrade, Xoán Vidal ou Luís Amado Carballo), ao Chan da Parafita (onde Sarmiento situaría o seu Coloquio dos vintecatro galegos rústicos, 1746), a Mourente, á boca da ría coas Moureiras, etc.

Aquí da Fillagosa/na mimosiña freixa
de cote a miña queixa/a desfogar virei.
(“Xacinto e Catrina”, OPD, p. 205)

Mais, xunto a esta perspectiva enxalzadora, a obra de Xoán Manuel Pintos tamén é a incisiva testemuña do abandono dos monumentos (Mosteiro do Lérez) ou a certificación case documental da febre demoledora do seu tempo con boa parte do patrimonio da cidade.

 

2 - CÁRCERE VELLO

Se cruzamos a ponte do Burgo e facemos unha parada na cabeceira sur, poderemos evocar o chamado “Cárcere da Ponte”. Ruinosa dende había tempo, a prisión foi derrubada no 1865 ao construírse a nova (na metade de século) sobre o que é a Audiencia hoxe. Nos restos da antiga levantarase a primeira praza de abastos cuberta.

En relación a este cárcere e á súa lamentable situación, ademais das inhumanas condicións dos presos, aflora claramente a conciencia solidaria de Pintos (téñase en conta a súa formación xurídica). Os seus versos expresan e evidencian a súa sensibilidade social:

Mira, Pedro, agora que falas de eso dígoche que seique val máis estar dez anos nun bo presidio que dez días nesa cadea de Pontevedra. Nese edificio triste, feo, cheirento, apestado, oscuro, inmundo que máis ben pode chamarse cortello ou tobo para feras que non casa para ter os homes. (...)

Fondo burato donde nunca é día,/tumba de vivos por súa mala sorte,negra coroa de instrucción impía/digna da morte. (AGG, pp. 416 ss.)

 

3 - ISABEL II

Despois de deixar a actual praza de García Escudero (antes Planchuela, polo peirao de madeira do lugar), a de Celso García de la Riega (antigamente Correos), e parte da rúa Real (noutrora rúa do Rego), chegamos á rúa de Isabel II, así denominada dende 1854 (no pasado chamada de Mendiños e, desde as Cinco Rúas cara arriba, Costiña de Santa María).

No número 4 desta rúa de Isabel II situábase a imprenta dos irmáns Vilas (José e Primitivo), onde se editou en 1853 A gaita gallega. Neste punto7 debe ser comentada a importancia dos impresores pontevedreses do século XIX: Anciles, Pinto, Madrigal, Antúnez, José María Santos (personaxe fundamental pola súa ideoloxía progresista e partícipe activo da Xunta Superior de Galicia no levantamento do ano 1846).

A medida que subimos cara a Santa María, o seguinte punto do roteiro, podemos aludir á rúa da Princesa (na época medieval chamada Sobre o Azougue e, en 1854, Pichelería polos produtos de estaño), á rúa Chariño8 (en homenaxe do poeta medieval, e antigamente chamada Caas ou Cans, en relación –ao parecer– ao enlousado e traza), á rúa San Nicolás (anteriormente rúa Nova dos Veedores, Caleixón dos Mendoza ou rúa dos Bispos) e á rúa Alta (antes das Ovellas).

 

4 - SANTA MARÍA

Ante a basílica, “pérola” da nosa arte, na que se bautizou Pintos e pola que sente admiración, é posible contemplar toda a paisaxe da ría. Neste punto é preciso evocar a relación de Pontevedra co mar que tamén rememorou Pintos nos seus textos (sobre todo os grandes navegantes como os Nodales, Sarmiento de Gamboa...):

Santa María, que maior ti eras/de todas cantas tiña a vila dentro,
¡Dios queira as outras vellas que te sigan/e que prosperen vendo tal enxempro!
Maior, empero, ti serás de todas,/muito mellor na forma e ser externo:
sin par na gracia de columnas e arcos,/no teu reparto claro e paramentos,
nas mil ventages que o teu ancho espazo/garda servindo á vila de ornamento.
Santa María, reina soberana,/anjos e images todas dese tempro,
andias de prata hermosa onde garrido/vai adorado o Santo Sacramento.
(AGG, p. 397)

¡Que viva a Moureira!/Viva o Sacramento!
¡Vivan os que rompen/cadeas de ferro!
¡Que vivan, que vivan/os ilustres netos
do noso Charino/por seclos eternos! (AGG, pp. 258-9)

Camiño do actual Concello, no que era o Eirado das Torres, estaba a fortificación dos Churruchaos ou as Fortalezas Arcebispais9 cuxo derrubamento impresionou a Xoán Manuel Pintos:

¿Que serán señales tristes/ver seus muros derrubados
e esfareladas as pedras/das torres dos Churruchaos?
¡Pontevedra! ¡Pontevedra!,/¡viñeron muitos quebrantos
sobre ti e dos afogos/a hora che vai chegando! (...)
¡As pedras das catro esquinas/en que o pobo está asentado
xuntarse queren doridas/a desafogar seu pranto!
¡Aquelas torres e muros/quer ó sol iban relumbrando,
almeias, fontes e tempros,/xa se van volvendo cachos.
Fasta ese Porto precioso,/que dou nacencia ó teu casco,
lacera os peitos da xente/e dá lástima miralo. (...)
¡Señora facei que volva/a recobrar de contado
aquel lustre e valimento/que os seus maores gañaron!
(“Contos…”, OPD, pp. 285-6)

 

5 - CONCELLO

Este punto, correspondente ao que era a zona da Bastida (Porta da Vila ou de San Domingos), convídanos a tratar a orixe lendaria de Pontevedra e o que o mesmo Pintos chama “a manía de orixe remota”. A figura de Teucro (suplantado iconograficamente por Hércules, coa súa pel de león e a maza) é o mito fundacional que procede do ambiente helenófilo do “círculo” humanista do XVI (onde destacou a figura de Juan de Guzmán, catedrático de Retórica na “boa vila”) e do que hoxe queda testemuño nos versos gravados na actual Casa do Concello.

Enriba das ruínas da Torre da Bastida ergueuse no século XVII a antiga Casa do Concello, derrubada en 1876 e que se utilizaría como sede do Xulgado ou Caixa de Aforros e Monte de Piedade. O novo concello será obra de Rodríguez Sesmeros, figura fundamental no deseño e tratamento urbanístico desta estensa área urbana composta polos chamados, daquela, campos de San Domingos e San Xosé (localización da antiga feira do gando) e que se corresponderían grosso modo coas actuais Alameda e Palmeiras.

Fóra de muros hai dous grandes campos/que ós mesmos reies foran de recreo:
Santo Domingo está no que é máis longo/e San José no outro máis pequeno.
Mui enfiados en fronteiras ringles/fan sitio os árbores para o paseo
e ó redor a vista se regala/no verde chan de herbiña sempre cheo.
(AGG, p. 395)

Desde esta parada do noso paseo cómpre citar outras referencias onomásticas, un pouco máis afastadas do centro da cidade, recollidas na obra de Pintos: San Roque, o río dos Gafos, Salcedo, Mollavao, Marín...

Alá no río dos Gafos/onde había noutro tempo
de caridá hospitaliños/para os lázaros enfermos,
que hoxe piden espallados/polas calles e paseos (...)
dendes do ponte Bolero/a Taboada e Ponte Nova
caíndo alí o río cheo/con borbollóns prateados
que alegra en San Roque o velos;/alí, naquel verde chan
de mil verdores diversos (“Contos…”, OPD, p. 322)

Sen dúbida require unha especial atención San Domingos, templo medieval que padeceu a dinámica de demolicións habituais naqueles anos. San Domingos pasou por diversas “funcións”: casa hospicio, lugar de espectáculos (para)teatrais, “casa de monipodio”, casa de acollida, escola de nenos, hospital (1857), residencia de padres misioneiros (1867), aloxamento de tropas (1874), taller de fogos artificiais (1866). En boa parte dos seus dominios construíronse o que sería o Instituto (hoxe o IES Valle Inclán), os actuais Xardíns de Colón e mesmo a Deputación.

Logo da Porta da Vila ou de San Domingos, merece comentario a rúa Riestra (denominación debida ao marqués deste nome, dono dos terreos). En 1853 era un simple camiño que levaba desde ese punto ao Campo de San Xosé, progresivamente urbanizado. En relación coa familia Riestra, debemos referirnos á actual rúa da Marquesa onde, na época de Pintos, estaba o local do Colexio de Avogados do que o noso autor foi decano entre 1860-186110.

Preto da rúa Riestra localízase aquela dedicada a Nicomedes Pastor Díaz, madrigalego coma Teodosio Vesteiro Torres (a este último Xoán Manuel Pintos dedicoulle dous poemas). Detrás da rúa Pastor Díaz encóntrase aquela dedicada a Rosalía de Castro.

Antes de seguir o noso itinerario, é pertinente mencionar o derrubamento do resto da muralla. En 1853 bótase abaixo o tramo que correspondería á actual rúa Michelena (daquela Poza das Rans), Trabancas e o Torreón de San Francisco. Neste proceso destrutivo influíu en bo grao a reforma de Alejandro Mon ao substituír portas por fielatos.

 

6 - SAN BARLOTOMEU O VELLO E PRAZA DO TEUCRO

Desde a Porta da Vila imos ao actual Teatro Principal, zona da vella igrexa de San Bartolomeu co seu cemiterio e praza11. Pódese dicir que en 1842 se iniciou a súa demolición que se prolongou por dous anos. En 1864 comezouse a construír o Liceo e o teatro.

Fomos pois á do patrón,/noso San Bartolomeo,
igrexa que tiña o santo/Bastián no lado ezquerdo.
¡Cánta xente alí acudía/tódolos días arreo
cando tocaba a campana/polos devotos ó tempro!
¡Qué troupelear de socos/e qué mareas correndo
polas calles por chegare/a oir as misas a tempo!
Polas tres portas a unha/se rempuxaban metendo
fasta quedar ateigada/d´homes, mulleres e nenos.
Inda por fóra de vía,/da porta maor, atento
xentio mui cubizoso/de descrobir de alí o crego.
Mais agora aquela igrexa/novos homes desfixeron,
e no sitio se reparan/outros profanos cimentos.
N´hai que facerlle, señores,/que a todo lle chega o termo,
e todo o varre e aniquila/a gran fouzaña do tempo.
Os mesmos ósos dos mortos/alí non deixaron quedos,
que todos, desenterrados,/no camposanto os meteron.
Pero ó levantarse as lousas/das sepulturas correron
miles de ratas e ratos/que nas casas se meteron.
(“Contos...”, OPD, pp. 336-7)

Entre a actual Casa das Campás e o Teatro Principal está o portal de “gráficas Torres”, centro, en plena ditadura franquista, do gran labor cultural e editorial da colección “Benito Soto”. Se continuamos por ese lateral do que foi San Bartolomeu, chegamos á actual praza do Teucro (outra alusión á fundación mítica), zona de actividades económicas (antigamente denominouse praza Maior ou do Pan), de oficios relixiosos e de diversión (San Sebastián, o Corpus, o entroido, a Feira Franca) e dunha gran riqueza heráldica.

Era o tempo dos entroidos/en que andan sólto-los demos,
facéndose os vellos mozos,/tornándose os mozos vellos,
poñendo as mozas cirolas,/vestindo os homes mantelos,
nas caras con carantoñas/para mellor fá-lo xenio,
cando parez que reloucan/as xentes cheas de vento
por tolear todas xuntas/sin migalla de proveito,
remedando así ós xentíos/que alá en mui remoto tempo,
na Triecteria facían/lembranza do salvamento
do estado peligroso/en que se viu o universo
dende o xeneral diluvio/en Babilonia violento. (...)
Mentres pois que pola vila/orneaban os choqueiros
dando brincos e pernadas/e mil cachizas facendo;
mentres que se puña lume/nas carozas dos labregos,
na palla e mais nos carrascos,/e mais nos feixes de fento;
mentres que andaban ós suchos/suchando polos regueiros
e pozas por xiringare/con aguas de non bo cheiro;
mentres se puñan mil rabos/e laranxazos arreo
tiraban, e borradelas/de borro encarnado e negro,
e enfariñadas, e pullas,/e chascos ían metendo
todos coa gran libertade/que se goza nese tempo
(“Contos...”, OPD, pp. 319 ss.)

 

7 - PRAZA DE CURROS ENRÍQUEZ

Nesta parada sobresaen dous escenarios evocadores recollidos por Pintos: a praza de San Román (que alude ao Conde de San Román e á súa gran casa) e a praza do Hospital (polo Hospital de San Xoán de Deus). En relación a este hospital tamén debe ser citado o nome de Claudio González Zúñiga, médico cirurxián que axudou a combater a epidemia de cólera en 185412. O terreo que queda sobre as ruínas do Hospital de San Xoán de Deus pasa ás mans de Saturnino Varela e o novo hospital ábrese en 1897.

De aquí mui preto está S. Joán de Dios,/de cuia vida á historia eu dei comenzo,
honor dos legos onde a Santa Bárbora/e S. Rafael lles fan un gran festexo.
¡Oh, para enfermos casa de refugio,/en ti soará con grato loor eterno
o nome doce de S. Joán de Dios,/mui venerado nese antigo tempro.
(AGG, p. 399)

 

8 - PRAZA DA FERRERÍA

Pola Porta de Trabancas accedíase á que se considera praza “maior” da cidade, a Ferrería (denominación xa tradicional presente no Livro do Concello de 1437-8). Merece destacarse, polo interese que ten para X. M. Pintos, a fonte abandonada, descoidada e retirada na metade do século por mandato do gobernador civil Luciano Quiñones de León (en 1928, a fonte colócase onde está actualmente).

Aquí por muitos anos/deitei eu, malpecado,
licor mui regalado/que a sede lle apagou
a un pobo de cristianos/que muito valor tivo,
e agora está cautivo/de quen o asoballou. (...)
Perene aquí na praza/me viron centos d´anos
valentes ciudadanos,/de Marte gran lexión
(“Queixumes dunha fonte”, OPD, pp. 144-5)

Pontevedra é boa Vila/coa fonte mellor do Reino
dá de beber a quen pasa,/na Ferrería, a desexo.
Dirán, Pontevedra tiña/a fonte mellor do Reino
desfixéronlla e no sitio/lle chantaron un maseiro.
(“Contos...”, OPD, p. 257)

A praza da Ferrería chamouse praza da Constitución en 1854 e acolleu a imprenta de José Vilas, a imprenta El Siglo, o local do fotógrafo Zagala, o despacho de Casto Sampedro (persoa fundamental da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra), o convento de San Francisco (século XIII) e, propiamente extramuros, o santuario da Peregrina e o da Virxe do Camiño (evidente relación co camiño xacobeo portugués).

 

9 - PRAZA DA VERDURA

Baixando dende a Ferrería pola rúa de San Román (antes rúa da Peletería), chegamos ao que era antigamente Feira Vella e Pescadería e, a finais do século XIX, praza Nova ou de Indalecio Armesto (un dos grandes intelectuais heterodoxos daquel momento). Aquí estivo a fábrica da luz13 e mais a imprenta de José María Santos (onde se imprimiu La Democracia, El Porvenir, El Anunciador, O Galiciano, A Tía Catuxa, o Boletín Oficial da Provincia... ou libros de Jesús Muruais).

Ao achegarnos á rúa que hoxe é Sarmiento, podemos mirar á esquerda e traer á memoria a figura de Méndez Núñez (1824-1869), heroe da batalla de El Callao (1865) e comandante do primeiro acoirazado (Numancia). Este personaxe, enxalzado na obra de Pintos, morreu na casa-fortaleza dos Cruu, espazo que ocupa o gran magnolio, o arco e todo o edificio que dá á praza que actualmente leva o seu nome.

El foi de Almirante da Escadra Española/para os indios bravos por si castigar;
chegou, e esborralla mitá do Callao,/e logo á súa terra se veu de vagar. (...)
Botade aturuxos alegres ao Ceo,/bailade a muiñeira e o chascarraschás;
que quede memoria na terra por sempre/de D. Casto Méndez, por sempre jamás.
(“Meting en Lérez”, OPD, pp. 491 ss)

Xa na rúa Sarmiento (antes rúa da Feira e da Compañía, pola presenza dos xesuítas), convén indicar que X. M. Pintos admirou e editou ao ilustrado. Con Sarmiento evocamos a Ilustración (con nomes como Feijoo, Cornide...), momento que sentou boa parte dos alicerces da andaina dignificadora de Galicia, continuada polo galeguismo.

Honor de Pontevedra, cuxa mente/chea de luz mui espellante e pura,
fixo de ti celeste criatura/un gran tesouro digno de outra xente.
Goza do ceo, goza eternamente/que Dios a groria santa lle precura
ó que acha na virtude súa fartura/cal ti modesto monxe preminente
Si o chan ingrato do teu berse ollas,/que veña a ollada chea de contento
fitar no Burgo, e que bulir as follas/do Paraíso vexa o entendimento
de quen louor che bota, e que o recollas/suprícache doutísimo Sarmento.
(“A Sarmiento”, OPD, p. 441)

 

10 - COLEXIO DOS XEXUÍTAS E SANTA CLARA

O Colexio dos Xesuítas (século XVII) acolleu esta orde ata a súa expulsión a Italia en 1767. Entre as súas figuras destacan o Padre Isla, autor de Fray Gerundio de Campazas e, sobre todo, Hermenegildo Amoedo Carballo (autor, en 1787, do Carmen patrium sive Pontevedra). O padre Amoedo, ademais de mencionado por Pintos (que reproduce o canto na foliada d´A gaita gallega), é traducido ao galego polo noso autor nun afán de ennobrecemento do noso idioma para o cal era fundamental o seu emparellamento co latín.

Agora vou ver, si Dios premite,/aquela casa en vaco e gran silencio.
Mais ¿a que recordar, triste de min,/dos que conmigo gemen no desterro
sin dor opresos por un duro fado,/a que lembrar aqueles menumentos?
¡Logrouse ja fechar, oh ilustre Ignacio,/aquelas portas dos teus grandes tempros!
¿Así calados quedarés, ¡oh Koska/Lodoix, Xaveri e Borgia!, sin remedio?
¡Premita Dios que o corazón do mundo/desperte e sinta de piedade cheo,
gran compasión dos que gemendo arrancan/ja en rouco son os aies do seu peito!
(AGG, pp. 399-400)

O edificio do Colexio dos Xesuítas pasou por varias funcións (fábrica de tecidos dos Lees, instituto de segundo ensino, Audiencia) e hoxe acolle o templo de San Bartolomeu.

Saíndo do centro histórico, chegamos a Santa Clara, igrexa extramuros situada no antigo Camiño de Castela. Xunto a San Francisco e San Domingos, Santa Clara era o outro convento mendicante da nosa cidade (todos eles datan de finais do século XIII). Entre outros versos sobre Santa Clara, escribe Xoán Manuel Pintos:

A Santa Clara collo... ¡Oh Virgen santa,/no´apartes nunca os ollos deste servo,
ti que es consolo dos desamparados!/¡Óllame mai piadosa no desterro!
(AGG, p. 400)

 

REMATE

Ata aquí o paseo pola Pontevedra do século XIX a través dos textos de Xoán Manuel Pintos. A súa obra, marcada pola solidariedade cos labregos, cos presos e cos achadizos; pola sensibilidade social e pola reivindicación do idioma e do país, é a mellor fotografía da cidade do Lérez.

 

    O máis buscado
    Navegador

    O Concello

    Pontevédrate

    Áreas

    Pontevedra participa!

    E máis

    Hoxe é 23.09.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 22.09.2011 polo Concello de Pontevedra.