Pontevédrate...

A imaxe de Xesús Nazareno da Igrexa de San Francisco, data do século XIX

Roteiro natural e patrimonial de Ponte Sampaio


Cando o visitante asómase á terraza natural que resulta ser o monte do Castro non pode deixar de ver que alá, no nacemento da ría de Vigo, na súa parte máis agochada houbo unha pequena illa, San Simón, que foi lazareto. Se o visitante quere, ata pode imaxinar os buques na terrible batalla de Rande, do que hai testemuña no fondo da ría.

Quen dixo que Pontevedra non chegaba á ría de Vigo? Non só chega, senón que se fai sentir. Naquela parroquia chamada de Ponte Sampaio conserva, con orgullo, os mellores exemplos de arquitectura popular rural do municipio: canastros, muíños, regatos de agua convertidos en acueductos, pozos naturais... e centos de atractivos que agora poden verse seguindo os pasos do Roteiro natural e cultural de Ponte Sampaio, que o Concello de Pontevedra puxo en valor este mesmo ano.

Son dezaoito kilómetros que o camiñante hai de facer con mapa en man e bo calzado para atravesar regatos, seguir calzadas perfectamente empedradas, aínda que estén no medio do monte; atravesar pontes, muíños como o do Cubo sen dúbida singular como a súa estrutura xa que capta a agua dende o tellado;  coñecer o Canastro da Proumalla un elemento popular empregado por veciños de Rañadoiro para gardar as ferramentas do traballo; cruceiros, igrexias, carballeiras e vistas, moi boas vistas sobre a ría de Vigo, sobre o espectacular cauce do río Ulló, sobre a illa de Medal, sobre a ponte medieval de Ponte Sampaio.


ROTEIRO CIRCULAR

É un roteiro circular que arranca do símbolo da parroquia, para chegar a ela, aos pes da praia fluvial de A Xunqueira.

A ponte medieval está datada no medievo, tal e como apunta o enxeñeiro Segundo Alvarado, momento no que foi citada como ponti Sancti Pelagii de Lutto, propiedade dos condes de Borgoña. Nembargantes sufriu diversas reconstruccións entre os séculos XVI e XVIII. Nesta ponte, varios investigadores documentaron a existencia dunha torre defensiva medieval na que se cobraba unha portaxe por cruzala. O tributo era recaudado polos alcaldes, e foi coa mediación do arcebispo Xelmírez cando, no século XII, se acabou con ela ao sufragar a cifra que significaba esta peaxe.


Os pasos seguen parte do vieiro do Camiño de Santiago, ao paso pola parroquia, e o leva ata o Alto da Curuxeira que é a zona de maior antigüedade da parroquia, e dende o seu mirador tense unha visión privilexiada da ría de Vigo. Antes de chegar á Igrexia de Santa María e a súa Casa Reitorial, pódese ver o Cruceiro da Ballota.


Os historiadores sitúa a Santa María de Ponte Sampaio nos últimos anos do século XII, unha das poucas mostras de arte románica da comarca xunto aos achádegos de Figueirido e San Martiño de Vilaboa. A casa reitoral é un dos edificios máis destacados da arquitectura civil da parroquia. O edificio de estilo barroco no que destaca unha balconada monumental protexida cunha extraordinaria balaustrada ornamental, dispón tamén dun pombal de planta circular e de varios canastros.


Illa de Medal. Foi propiedade do pintor Antonio Medal Carrera (1902-1986), discípulo do tamén pintor Sotomayor, co que comparte o gusto pola estética galeguista, presente nos conceptos e na plástica pictórica de ambos. Nesta paraxe de arquitectura singular, haberá que aproveitar para contemplar a zona marismeña que forman as marxes do río na súa desembocadura.


A ponte do ferrocarril. A finais do século XIX (no verán de 1884) chegou a Pontevedra o primeiro tren e ten lugar a construción dunha nova ponte sobre o río Verduxo. Esta ponte foi substituída por outra infraestrutura metálica de triple tramo apoiada en piares centrais de fábrica que se converteu nun dos máis fermosos exemplos da enxeñería do momento.


A Illa do Castelo. Nesta illa construíuse un castelo para defender a ponte.


Río e foz do río Verdugo-Oitavén. Aínda que ao seu paso por Ponte Sampaio adóitase chamar ao río somentes co nome de Verduxo, por ser o máis longo, o certo é que este é o resultado da confluencia dese co río Oitavén.


Illas Erbedosas. Sitúanse cara o centro da enseada, son illas pequenas e baixas de forma circular. Nelas só medran toxos e outras plantas frugais adaptadas a solos pobres en nutrientes e algún que outro piñeiro de escaso desenvolvemento.


Cruceiro do Souto. O cruceiro máis antigo e fermoso da parroquia. Nel destaca o seu monumental graderío basamental, así como o seu capitel xónico e, sobre todo, a labra do Cristo e do descendemento que amosan as súas caras principal e secundaria.

   
Ponte do Arco. Derrubado por unha riada ano 2006, atopabamos unha histórica ponte dun único arco de medio punto e orixe medieval. Servía para atravesar o río Ulló, que ten neste punto unha área de descanso, onde se pode observar, na outra beira, a marisma do Ulló no que se desenvolve unha formación vexetal marismeña de grande valor paisaxístico e ecolóxico.


Ponte Nova. Derrubado por unha riada ano 2006, atopabamos unha ponte dun único arco oxival ou apuntado que se levanta en perpiaño. Ao seu carón están os Muíños do Pozo Negro, son maquieiros. É dicir, unha industria local a pequena escala moi frecuente nos séculos XVIII, XIX e XX, caracterizado por cobrar en especie unha parte da moenda.


Monte do Castro. Acolle un importante xacemento arqueolóxico datábel, posibelmente, entre os séculos IV e I a.C. Ten espectaculares vistas sobre a ría de Vigo.


Calzada do Villar e muiños. Calzada empedrada que, até hai pouco tempo, nos conducía ata unha pontella alintelada (hoxe desparecida) que permitía o acceso dos veciños de O Vilar a dous muíños situados en batería. A calzada remata na Ponte do río Ulló que era o pontillón de maior lonxitude de toda a parroquia. Constaba dun total de tres cepas constituídas por perpiaño granítico de tamaño regular sen encintar. Foi derrubado pola riada do ano 2006.


Cruceiro do Vilar. Exemplar recentemente recuperado sen figuración situado no lugar de As Cachadiñas.


O Cristo da Bica. Labrado no ano 1847, o Cristo da Bica ocupa un lugar de encrucillada na aldea do Rañadoiro. Na orixe desta obra quizais estea a morte dun veciño do lugar (na inscrición do pedestal lemos “AQVMRIO”, o que podería interpretarse como “Aquí murió”). No núcleo do Rañadoiro está o Miradoiro das Cambariñas, lugar que ofrece extraordinarias vistas sobre a ría de Vigo e a enseada de San Simón. Saíndo deste núcleo rural pódese ver o Canastro da Proumalla. Son os restos dun curioso canastro de planta circular. Trátase, da estrutura dun celeiro primitivo de basamento granítico e alzado a base de varas entretecidas coñecido popularmente como “A Moa”.


O Paredón. E unha condución de auga procedente do lugar de Portavedro, nas inmediacións da serra da Fracha. Trátase dun acueduto popular, de perfil chan e planta curva, levantado en cachotería que posúe uns cen metros de longo aproximadamente, e dous metros de altura nalguns dos seus tramos. A auga procede dos Pozos de Corneda, que bebe das aguas do rego dos Pereiros  (que é como se coñece ao río Ulló no seu nacemento), unha vez interceptadas, empozan no Pozo de Portovedro, e desde aquí mediante unha presa chegan ata os Pozos de Corneda, lugar do que igualmente parte outra presa principal.


Chan das cruces. Neste lugar existiu ata mediados do século XX, un grupo de rochas con deseños cruciformes, cazoletas, círculos concéntricos e outros trazos xeométricos. Este  petróglifo da Chan das Cruces foi debuxado por Castelao. Pouco antes do afloramento granítico no que se situaron estas insculturas, hoxe tristemente desaparecidas, atópase un túmulo megalítico facilmente identificábel.


Calzada de Acevedo e Pozos do Regueiro. Calzada enlousada que nos conduce até un grupo de cinco muíños, e os Pozos do Regueiro. Os muíños de Acevedo ten a construción máis singular deste tipo de edificación popular. É o muíño do Cubo, característico por ter que administrar un pequeno caudal de auga que, procedente da gavada, vén a se almacenar no cubo, un depósito vertical conformado polo mesmo tipo de  pedra que o edificio, que adopta forma de funil. A entrada da auga no cubo faise, neste caso, por riba do nivel do tellado, tal é a solución máis común nas terras de relevo abrupto e con escaso caudal dispoñíbel.


Praza do Souto. Baixando dos muíños cara Acevedo, pola calzada enlousada chegamos a esta fermosa praza.


Pedra da Forma. Situada á man esquerda da verea lousada que transitamos, este monumental afloramento caracterízase, por presentar unha pequena forna ou cavidade natural coñecida pola literatura científica como tafoni.

Cruz do Forniño. Histórico cruceiro sen figuración chantado nun penedo natural que presenta, ademais dunha serie de petróglifos (un antropomorfo e varios cruciformes).
Esta cruz foi debuxada por Castelao para incluíla no seu traballo sobre As cruces de pedra na Galiza.


Capela de San Xosé. A Capela de San Xosé de Largavista, situada no Monte Landreira, é un edificio de planta rectangular con cuberta a dúas augas propiedade da familia de Laúcho.


Muíño e Pozo de Cartas. Neste punto desviámonos para encóntranos os restos do Muíño e Pozo de Cartas, para volver logo polos nosos pasos ao roteiro principal.


Portalaxe. Consiste nunha pontella formada por unha gran laxa de pedra que cruza o río Ulló.
 

O trazado do Roteiro cultural e natural de Ponte Sampaio permite facer cinco quilómetros máis índo máis alá do Chan das Cruces, chegando case áo concello de Ponte Caldelas, para poder ver:

Carballeira de Cadillos. Situada á esquerda do sentido da marcha encontramos unha das poucas carballeiras do roteiro.

Pozo de Pontovedro. Situado augas arriba dos Pozos de Corneda, encontramos o Pozo de Portovedro, que para salvalo, nos obrigará a pasar por riba do seu testeiro.



 

PUBLICACIÓNS

O Roteiro de Ponte Sampaio, financiado con fondos da Asociación de Desenvolvemento Rural Proder, foi inaugurado oficialmente cunha andaina na que participaron un gran número de persoas e entre os que se atopaba o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Dende o 26 de outubro de 2008, este roteiro está a disposición de todos os sendeiristas para que disfruten deste itinerario.O Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de Dinamización Sociocultural, editou un folleto co trazado do roteiro, así coma unha pequena publicación na que se dá conta do valor patrimonial e cultural de cada un dos elementos que se poden ver ao longo dos dezaoito quilómetros de percorrido.
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 28.06.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 24.03.2009 polo Concello de Pontevedra.