Pontevédrate...

Visita a exposición de Arqueoloxía galega do Museo, con importantes pezas da Idade do Bronce e orfebrería prehistórica

Rota das Moureiras

Rota das Moureiras
Do río ao mar

As murallas delimitaban un espazo urbano concreto, fóra deste espazo sitíanse ós arrabaldes. En Pontevedra sinalaremos dous: o Burgo, conformado polo camiño cara Santiago, e a Moureira, de vocación mariñeira, cuxo nome vén da salmoira empregada na salazón da sardiña.

Ningún camiño articula este último arrabalde, que non ten visos de ordenación ata  finais do século XVI con motivo da apertura de novas rúas: o nome das cales acompáñase co adxetivo nova. A causa de tal desorde é que o barrio naceu entre a ponte do Burgo e o rio Gafos, sen preocuparse do que acontecía ás súas costas. O curso no arco do rio Lérez é quen organiza e delimita as tres Moureiras: a de Arriba, pegada a ponte do Burgo; a da Barca, na súa zona media, no punto máis estreito do rio e o lugar elixido para levantar a ponte do seu nome; a de Abaixo ou Corvaceiras, onde se asentaban os cesteiros que facían cestos para o transporte da sardiña.

Trala fachada do barrio, as construccións formadas por vivendas similares como corresponde ó igualitarismo gremial, amoréanse caóticamente. Amplos espazos abertos están destinados ó secado e reparación de redes, e tamén para extende-los panos de rede que formaban os grandes cerdos cós que se pescaba a sardiña outonal; os máis coñecidos son o Campo das Rodas ou de Santo Domingo e o Campo da Torre.

En primeira liña de costa sitúanse os peiraos que fan máis doado o amarre dos navíos, en especial dos trincados que levaban as redes dos cercos; neles as mulleres dos mariñeiros recibían os lotes de pesca correspondentes ós quiñóns familiares. Inmediatamente, as instalacións necesarias para transformar a sardiña en pescado mercante, toneis de sardiña arencada, pasando antes polos lagares, estanques de pedra onde se mergullaba a sardiña en salmoira, e os fumeiros, caseto pechado onde se afumaba.

Non faltan os almacéns de sal, conservante imprescindible para a salmoira do pescado. As vivendas dos mareantes, mesturadas coas instalacións do porto, empregaban os seus baixos para estos fins. As humildes aspiracións deste barrio contradinse có máis fermoso edificio da vila, a igrexa de Santa María, construida dentro do recinto amurallado pero volcada cara as xentes do arrabalde que souberon levantala. Se Pontevedra foi durante o século XVI a vila máis populosa e rica de Galicia, foi polos veciños deste barrio que fixeron da pesca a súa principal industria.
Ó faltar a enerxía das xentes do mar, a cidade caíu nunha atonía da que soamente se librará volvendo ás súas orixes, recuperando e valorando o seu pasado mariñeiro; e o primeiro paso constituíuno o coñecemento do arrabalde da Moureira.

1. PRAZA DO PEIRAO

Antigamente se atopaba neste lugar a Plancha, término que alude a un peirao ou prancha de madeira onde cargaban e descargaban as mercancías os navíos. A finais do século XV transformouse nun de pedra, conincidindo có auxe pesqueiro e comercial da vila.
A ponte do Burgo será o punto estratéxico que articule toda a zona e marque o devenir da antiga Turoqua, xa que por aquí pasaba a vía romana XIX. Nas excavacións arqueolóxicas feitas nas proximidades localizáronse tres miliarios: un do ano 134 correspondente ó emperador Adriano, outro de inicios do século IV dedicado a Maximino II, e un terceiro que aínda está en fase de estudo.
No ano 1876, o arquitecto municipal Alejandro Rodríguez Sesmero, despois do derrubamento da muralla, fixo un proxecto para a reorganización da praza e a instalación dunha fonte.
Hoxe é a antesala do Parador Nacional de Turismo, antigo pazo pertencente ós Maceda, que leva o nome de Casa do Barón.

2. TRAVESÍA DA GALERA

Debe o seu nome a unha antiga cáracere que había nos arredores, hasta que a finais do século XVI se constrúe a nova sobre a Porta da Ponte. Unha explicación moi literaria fai proceder esta denominación da galera que o almirante Paio Gómez Charino mandou construir ós pontevedreses e que, por sentenza do rei Sancho IV, quedou abandoada e varada neste lugar ata a súa descomposición.
Na actualidade, na casa que fai esquina coa avenida de Uruguay, conserva o que puido ser un dos almacéns de sal que tivo a vila. Pontevedar foi o maior centro consumidor de sal de Galicia, posto que esta era indispensable para a industria básica do arrabalde: a salmoeira de pescado; do mesmo xeito, a sal tiña un grande valor como conservante de alimentos.
Os arrieiros que dende o Ribeiro de Avia transportaban os valiosos vi´ños para embarcalos, sobre todo, a Bilbao e San Sebastián, volvendo a súa terra con cargas de sal. A súa vez, a sal chegaba a Pontevedra a bordo das carabelas portuguesas dende as salinas de Aveiro e Setúbal.

3. ARZOBISPO MALVAR

Este antigo camiño carreteiro bordea o núcleo amurallado da vila, separándoo do arrabalde. A muralla ten a súa orixe a finais do século XII, se constrúe con finalidade defensiva e, o longo do tempo, adquire funcións fiscais e sanitarias. Tiña unha lonxitude de pouco máis de 1.550 metros, unha altura media de 7 metros e un espesor de 2,5 metros; estando rodeada por un pequeno muro. Na súa parte  exterior estaba coroada de almenas, e pola parte interior descorria un camiño de ronda, dende o que se accedía o adarve por varias escalinatas.
As guerras, en tempo de Pedro Madruga (1476) e posteriormente o ataque inglés de 1719, ocasionaron importantes estragos na muralla. A mediadiados do século XIX comezou a súa demolición, que precisamente empezará por esta zona con motivo de anchear o camiño cara Santiago.
A rúa recibe o nome de Sebastián Malvar Pinto, arcebispo de Santiago, quen cara 1792 e por mandato real financiou o camiño que une Santiago e Pontesampaio, xa que este punto era o límite da súa xurisdicción, a partir da cal comeza o obispado de Tui. Era natural de Salcedo, en cuxa igrexa custódiase o seu corazón nunha furna de chumbo,e  onde se conserva o seu pazo no que se gardaron os miliarios que marcaban a vía romana XIX, que foron sustituidos polos "legoreiros" que aínda subsisten.

4. RÚA XAN GUILLERME

Denominación tradicional recollida nas actas municipais do século XIX. Toma o nome, posiblemente, do propietario dun dos moitos peiraos que salpicaban a beira do Lérez; o no me dexenerou en San Guillerme, sendo corrixido acertadamente en 1950.
Os peiraos compoñíanse dunha escaleira central e dúas plataformas laterais que avanzaban cara o rio, facendo máis doada a carga e descarga das embarcaións. Acostumaban a levar o mesmo nome que os cercos que os empregaban: do Verrón, dos Hidalgos, de Xoan Ryboo, dos Apocados, Novo, das Corvaceiras, da Rache, etc.
Hoxe en día, todos estos peiraos quedaron enterrados pola construción, iniciada en 1903, dun dique que posteriormente levaría o nome de avenida de Uruguay.
Esta rúa unía a Moureira da Barca coa Porta de Santa María, e aínda mantén exemplos das casas con soportais de séculos pasados.

5. FONTE DA MOUREIRA

É unha das rúas máis antigas do arrabalde, xa que no Libro Vello do Concello (1437) aparece rexistrada como rúa da Fonte.
Unha bonita sorpresa é a que atopa o que nuca estivo antes neste lugar: rúa e praciña con casas pintadas de branco, testos nas ventás e convivencia entre as construcións antigas e modernas.
A crisis do século XVII ocasionou que a Moureira quedara casi abandonada. Da ruína do barrio temos unha idea no feito de que cando, a mediados daquel século, comece a levantarse a Maestranza utilízase como material de construción o procedente das casas baleiras dos mariñeiros.
No ano 1846 repárase a fonte, da cal se abastecían os habitantes dos arredores, cando aínda non había auga corrente na cidade. Ó mesmo tempo, a fonte vai ser un centro de reunión e conversa dos veciños.
Atópase na rúa un dos fornos de pan máis antigo de Pontevedra, construíuse no século XIX e chegou case ata os nosos días, posto que nestes momentos non mantén actividade; sendo digna de mención da obra de arte que constitúe o seu frontal, o cal foi premiado na Exposición de 1859 en París, dende onde foi traído á nosa cidade.

6. PRAZA DE CORNIELIS DE HOLANDA

Nome dado en honra do artista flamengo que chega á cidade en 1538 para tallar o retablo da igrexa de Santa Clara. Foi contratado como director das obras da igrexa de Santa María, e xunto a Xoan Noble comparte a autoría da súa belísima fachada.
Nesta praciña consérvase parte dun antigo peirao, o único que non sepultaron as obras do dique, xa que o mar chegaba ata este punto.

7. RÚA DA BARCA

Denominada así dende 1416 pola barca que, administrada pola orde benedictina, unía a cidade có coto de Poio. Posteriormente construíuse unha ponte de madeira, a cal estivo en uso entre 1870 e 1905, ano este no que foi remplazado por outra nova de estructura metálica pola construción da estrada de Pontevedra a O Gove.

8. PEDRO SARMIENTO DE GAMBOA

No número 76 da avenida das Corbaceiras naceu este ilustre pontevedrés, o máis científico dos navegantes do seu tempo (século XVI): descubridor, colonizador, poeta, historiador e ata encausado pola Inquisición.
Participou no descubrimento das illas Salomón, percorreu o estreito de Magallanes, e o apresaron tanto ingleses coma franceses.
Nesta zona atopábase a fábrica e almacéns de madeira dos Fonseca, a casa de baños chamada "Danubio Azul" e o alfolín de Carrascal

9. CAMPO DA TORRE

Na casa que leva o número 29, restaurada non fai moito, gardábanse os utensilios empregados nas corridas de delfíns que se celebraban durante as festas da Peregrina.
Era un dos grandes espazos públicos, lugar de traballo e ocio dos seus moradores, sobre o que se levantaría a praza de touros. En 1896 recíbese no Concello unha petición para construir unha praza, solicitando a cesión gratuita por cinco anos do terreo onde estaba instalada unha de madeira; a pesar da oposición dos mariñeiros, que secaban neste lugar as súas redes, a solicitude aprobouse ese ano.
O proxecto estivo parado hasta 1899 cando se constituíu unha "Xunta Popular", que emitíu accións de 50 pesetas. O Concello cedeu o terreo coa condición de que "... se permita ós veciños seca-las redes, colgándoas con pescantes nas paredes, e deixando libres as entredas..." e reservándose "... o dereito de propiedade sobre dito campo..."
Hoxe en día o Campo da Torre está moi transformado, debido a actuacións urbanísticas que a espiron do seu antigo uso así como da tipoloxía arquitectónica que tiña.

10. JUAN VILLAVERDE

Rúa de paso obrigado da procesión do Viático que levaba a comuñón ós enfermos. É das poucas rúas que se conserva practicamente igual que fai dous séculos, mantendo a vella tipoloxía das construcións, e destacando as escaleiras labradas na mesma roca.

11. IRMÁNS NODAL

Rúa típica dos mariñeiros pontevedreses, hoxe apenas conserva o seu carácter mariñeiro.
Bartolomeu e Gonzalo de Nodal naceron nunha casa (hoxe derrubada) da rúa que leva o seu nome nos anos setenta do século XVI. Embarcáronse na Armada Real en 1590, o seu ingreso temperá quizais haxa que buscalo na atmósfera patrótica creada a raíz do desastre da Armada Invencible e as incursións de Drake.
Foron elixidos para dar testemuña da nova vía de comunicación entre o Atlántico e o Pacífico, levando a cabo a súa misión con dúas carabelas coas que confirmaron a veracidade do descubrimento do estreito de Le Maire; fixeron unha Relación da viaxe, na que destaca un mapa feito polo cartógrafo Pedro Texeira.

12. CAPELA DE SAN ROQUE

Levantada inicialmente nas Corvaceiras, sufriu ó longo dos séculos varios cambios de asentamento, ata que en 1901 reconstruíuse no solar que ocupa actualmente. Edificación moderna á que se incorporaron elementos medievais procedentes doutros templos.
A capela de San Roque, avogado contra a peste, non ten unha ubicación casual, posto que se sitúa moi cerca dos peiraos e do camiño que conducía ó recinto amurallado, protexendo ós habitantes da vila do mal da peste, que xeralmente viaxaba a bordo dos navíos.
Por outro lado, a capela dará nome a unha ampla zona na que se abrirán novas rúas a comezos do século XVII, e acturará como artelladora do barrio de San Roque.

13. RIBEIRA DOS PEIRAOS

Aquí se atopaban os peiraos situados na desembocadura do río Grafos, ata fai non moitos anos conservaba a tipoloxía constructiva mariñeira, da que aínda queda algunha mostra.
A partires do século XIV a vila padece a temida peste, e máis adiante lepra, cólera e gripe; os contaxiados recibían axudas sociais e municipais, contando para o seu sustento có importe dunha parte do sal vendido nos alfolís.
Neste lugar consérvase o "hospitalillo", construción na que destaca un patio pechado e soportado por altas pilastras cuadrangulares. Este ediificio foi testemuña, dende a época medieval, das diferentes epidemias que sufreu a nosa cidade ata comezos do século XX.

14. SAN ROQUE DE ABAIXO

Aparece por primeira vez esta rúa no donativo de 1625. Consérvanse varias casas típicas mariñeiras, aínda que as distintas remodelacións da zona (construción do ferrocarril, instituto, etc.) fixeron que a rúa quede como un desdebuxado recordo doutras épocas.
Afírmase que nesta rúa estaba a casa familiar onde naceu o pirata Benito Soto, quen comezou as súas andainas ó tomar o mando do bergantín "Defensor de Pedro". En tódolos asaltos empregaba a máxima: "os mortos non falan"; apresado polos ingleses, foi aforacado en Xibraltar no ano 1830.
Quedou como lenda da cidade, sobre todo polos intentos de atopar o seu tesouro, dise que o escondeu na rúa da Barca, na Casa das Campás...; e foi inspirador de varias obras literarias doutras épocas.

15. PALAMIOS

A toponimia aínda conserva para o tramo final do río Gafos, Cocho, Menexo, Toxal, Goleta ou Tomeza, a designación de Palamios (Pelamios, Palambres), en alusión ós lugares onde se curtían as peles.
A Moureira era un arrabalde popular no que estaba prohibido que existiran tendas e que se vendera viño, sen en cambio acolleu modestos talleres, inadmisibles no recinto amurallado, como os dos curtidos, que producen olores insoportables. Ás veces traíanse dende Sevilla coiros de Indias "en pelo", é dicir, sen curtir; do mesmo xeito empregábase no seu curtido cal procedente de Mondego.
A finais do século XVI construíuse a Ponte Nova, que servirá de unión do barrio có camiño a Marín e coa canteira do monte do Taco. Esta foi a canteira pontevedresa por excelencia, empregando a pedra para a construción de grande cantidade de edificios da vila.
O Concello facía concesións para que se collera o material, así se lle otorgou á comunidade de frades de San Francisco, a finais do século XVIII, bastante pedra para realizar reformas no seu convento.
Encontramos o lavadoiro e muíño de Xoan "o Peilán", o lavadoiro, desgraciadamente en ruínas e o muíño en bo estado de conservación.

O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 18.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 16.10.2009 polo Concello de Pontevedra.