Pontevédrate...

O actual Concello edifícase sobre unproxecto de Sesmero de marcado carácter francés. Recíbese en 1880 e o seu primeirocometido foi acoller a Exposición Rexional daquel ano

Pontevedra Monumental

Este paseo é unha suxestión para gozar paso a paso do encanto e beleza da Pontevedra antiga.

A rota comeza na Alameda, unha ampla zona verde onde se emprazan organismos oficiais como o Pazo da Deputación e monumentos como as ruínas de San Domingos. No contacto da Alameda co Centro Histórico edifícase a Casa do Concello sobre os restos das antigas Casas do Concello de Pontevedra (séculos XV-XVI). A partir de aquí entramos no antigo recinto amurallado da cidade.

Continuando pola Avenida de Santa María, ao fondo atopamos a Basílica de Santa María A Maior, símbolo do apoxeo pontevedrés do século XVI. Baixando pola rúa Isabel II, no primeiro cruce á esquerda, encóntrase a Capela das Aparicións, antigo colexio das Nais Doroteas e onde viviu Sor Lucía, despois da aparición da Virxe de Fátima. Pola rúa da Ponte imos dar á que foi a antiga residencia dos Condes de Maceda e que hoxe abeira o actual Parador de Turismo. Continuando pola rúa Barón chegamos ata a praza das Cinco Rúas onde, diante da casa que habitou Valle Inclán, podemos ver un precioso cruceiro.

Pola rúa Princesa chegamos á praza do Teucro, enmarcada por casas señoriais dos séculos XVII e XVIII e nas que atopamos bos exemplos da riqueza heráldica de Pontevedra. Nas proximidades desta praza, bautizada co nome do mítico fundador da cidade, emprázase a Capela do Nazareno, o Teatro Principal, o Liceo Casino e a recentemente restaurada Casa das Campás, cuxa fachada constitúe a máis antiga da vila.

Seguindo pola rúa Manuel Quiroga chegamos á praza de Curros Enríquez co monumento ao insigne galeguista Alexandre Bóveda. Outra das prazas históricas da cidade, a praza de Méndez Núñez, encóntrase a escasos metros, presidida pola escultura de Valle Inclán.

Baixando cara ao mercado, no primeiro desvío á dereita, atopamos a praza da Pedreira, onde se levanta o Pazo de Mugartegui. E subindo pola rúa dos Arcos, a igrexa de San Bartolomeu, unha das creacións máis destacadas do barroco galego.

Se continuamos pola rúa Sarmiento cara ao leste, damos con outros dous lugares de grande tradición histórica: a praza da Leña e a praza da Verdura; os seus nomes fan referencia aos produtos que se vendían nestas prazas.

Antes de continuar o percorrido, debemos facer unha parada obrigada no Museo de Pontevedra, un dos mellores de Galicia pola súa gran riqueza e diversidade. No seu interior podemos atopar pezas e documentos que van desde a prehistoria ata a actualidade.

Continuamos o noso camiño pola rúa San Román ata chegar á praza da Ferrería que recibe o nome das forxas existentes nos seus soportais. É digna de visitar a igrexa de San Francisco, unha edificación do século XIV que destaca polas súas bóvedas de crucería e polas súas vidradas cristaleiras.

Finalmente, subindo pola praza de Ourense, chegamos ata a Capela da Virxe Peregrina, levantada ao borde do Camiño Portugués a Santiago sobre unha planta inspirada nunha cuncha de vieira, símbolo dos peregrinos.

    O máis buscado
    Navegador

    O Concello

    Pontevédrate

    Áreas

    Pontevedra participa!

    E máis

    Hoxe é 28.06.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 13.06.2008 polo Concello de Pontevedra.