Rúas de Pontevedra

Pontevédrate...

Giovanni Anselmo, Fernando Casás, José Pedro Croft, Dan Graham, Francisco Leiro, Richard Long, Robert Morris, Anne & Patrick Poirier, Ulrich Rückriem e Enrique Velasco son os autores das obras escultóricas da Illa

Virxe do Camiño e Andrés Mellado

 

De xeito diferente a como era en tempos, o barrio da Virxe do Camiño era un dos máis sobranceiros da cidade, en boa medida pola presenza da igrexa da Virxe do Camiño, unha das advocacións máis queridas polos fieis, caendo en ‘desgraza’ coa cegada do culto á Virxe Peregrina. A súa capela atopábase na actual rúa de Frei Xoán de Navarrete, no Camiño de Peregrinación a Compostela polo seu percorrido portugués. 
 
A principios dos anos trinta do pasado século a capela foi derrubada, polo que perdemos, unha vez máis, un destacado elemento do noso patrimonio. A actual rúa da Virxe do Camiño une a de Eduardo Pondal coa de Sagasta e a súa principal virtude atópase en que toda ela é parte do Camiño Portugués. A súa estreitez mantén fiel o seu trazado orixinal, e no seu remate, onde se une con Sagasta, atopábase un cemiterio. A taberna do Gurugú, o estanco de La Taca ou o popular acordeonista Salapán son nomes do pasado desta rúa que Hipólito de Sa mantén vivos nos seus libros. 
 
Na actualidade, ó longo do seu percorrido ábrense numerosos negocios que fan que esta rúa teña sempre unha boa animación. A presenza do Hotel Virgen del Camino é un dos elementos destacados desta rúa, que aínda conserva algunha que outra edificación da primeira metade do século pasado. Nela desemboca a rúa chamada Mariscal Pardo de Cela, que a une coa Avenida de Vigo e que lembra a un axusticiado polos Reis Católicos. Déuselle este nome no ano 1986. Nas súas beirarrúa danse citas moitos nomes tradicionais da cidade como os restaurantes Soto e Casa Durán, ou a  cafetería La Ibense; outros modernos como o italiano Il Piccolo, o chinés Chi-Chen ou o turco Döner Kebap; ós que se engaden cafeterías como Le Coin, Txabe ou Rumore, que engade exposicións a súa oferta hostaleira. 
 
Andrés Mellado vai dende a praza de Galicia ata a rúa Peregrina. O seu nacemento obedece ó interese por unir a antiga Estación do Ferrocarril, que se atopaba nesa praza, coa saída natural da cidade cara a Vigo, facilitando así o tránsito de viaxeiros. Non hai moitos anos, esta rúa amosaba unha chea de hermosos edificios que nos falaban dese pasado de gran cidade, agora derrubados e substituídos por novas edificacións de vivendas; son só lugar para a memoria e algún que outro recordo fotográfico. 
 
Nun dos que se mantén en pé lemos ‘Refuxio ataques aéreos’, sinalización dese triste acubillo nos tempos da Guerra Civil. O Hotel Madrid, o pub Albatros, a Autoescuela Galicia ou o recordo da tenda de piensos Cía, cos seus pitiños na porta, conviven con nomes como Nox, Adrenalina, Picariños, Marga Calviño ou El zoco.
 
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 23.07.2019 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 26.10.2011 polo Concello de Pontevedra.