Rúas de Pontevedra

Pontevédrate...

O Museo de Pontevedra foi fundado a finais do SXIX por varios intelectuais a finais do SXIX, entre eles Castelao. O padroado nace en 1927 da colaboración entre a Deputación e a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra

Serra

 

Unha frenética actividade desenvólvese por unha das rúas nas que o ruxerruxe da xente contrasta co silencio das cercanas rúas do casco histórico. Ese son xorde do camiñar das xentes coas súas bolsas cheas das compras de produtos frescos adquiridos no renovado Mercado de Abastos. Lonxe queda xa a arquitectura dos anos cuarenta, nos que se data a primeira construción do Mercado; agora as vellas arcadas respiran as cores do arquitecto César Portela, e o seu interior acomódase ós novos tempos e ás novas demandas deste tipo de negocios. 
 
A vida do Mercado marca a toda a rúa, os negocios de arredor dependen deste motor económico. Afiadores, vendedores de plantas, ultramarinos, froiterías, conxelados... completan a oferta que se atopa no interior do Mercado. Deste xeito, as tendas que están adosadas ó Mercado ofrécennos dende prensa ata flores, mandilóns, sombreiros, pan ou xoias. Un amplo abano de ofertas que completan os produtos do día a día do seu interior.
 
O cheiro a polo asado que sae do comercio de Louriña é outro dos sinais de identidade desta rúa, un arrecendo deses que permanecen fixos na memoria dos que levan anos percorrendo esta rúa. O aroma a asado continúa, e a el engádense imaxes do presente, vendedores de allos coas súas carretas e a recuperación da muralla medieval da cidade cos seus restos, motivo de exposición pública. 
 
E como remate da rúa o novo edificio do Museo Provincial erixido en plena conexión co pasado ó xurdir dende os restos que tamén se conservan dun novo tramo do perímetro de pedra que pechaba a vila en séculos pasados. Ese gran muro agochará tras el unha das mellores coleccións de arte de España, a dun Museo Provincial con vocación de eternidade e que se adapta ós novos tempos, non só dende fóra, senón tamén dende dentro. 
 
Pero na rúa Serra a actividade principal é a comercial, e moitos recordan a presenza ata hai pouco nela do establecemente de froitas Domínguez, pertencente a unha das familias máis coñecidas da vila, e moi vencellada ó mundo do balonmán. Diferentes establecementos adicados ó variado mundo do bazar, como poden ser Dima, Comercial San Luis, Moliner ou o Establecimiento Agustín, especializado en louza e cristal.
 
A rúa continúa e outro coñecido local adicado a venda de produtos avícolas, como é o de Lago, deixanos a punto de rematar esta rúa. Antes atopamos a ferretería Mafer, xa lindando coa praza de Valentín García Escudero, ou o Vetula Ponte, onde poder gozar dunha tapa de polbo antes de continuar o noso camiñar polas rúas da vila. Antes, ó saír, vemos como unha praca recorda o antigo topónimo que tiña esta rúa, Verrón.
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 20.05.2019 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 22.10.2011 polo Concello de Pontevedra.