Rúas de Pontevedra

Pontevédrate...

O Concello é un edificio de Alejandro Sesmeros de finais do século XIX, construído sobre as antigas Casas do Concello (Séculos XV e XVI)

Salóns do Lérez

 

A illa é un fermoso mirador ó pé do Mosterio de San Bieito de Lérez que, coma unha testemuña eterna, observa como o mesmo granito do que el está feito pode ofrecer novas dimensións. Dende este lugar ábrese o primeiro Salón do Lérez, onde as augas do río se calman antes de saír cara a ría que acolle unha recén estreada praia. Xunto á estabilidade e atemporalidade do granito temos o fluír e a instantaneidade da auga. Un conxunto fermoso e cheo de sensacións para o visitante. 
 
Os Salóns do Lérez son remansos de auga nun río que baixa con forza dende o seu nacemento, pero que agora, antes de botarse á ría, rebaixa a súa corrente para converterse nun lugar calmo. Estes Salóns do Lérez amósanse como espellos nos que se reflicten unhas orelas cargadas de historia, de recordos de balnearios e de tempos nos que estas augas, agora en proceso de recuperación, conservan restos dese pasado que convertiu a esta zona en área de goce da burguesía e de producción de augas embotelladas a cargo das industrias de Casimiro Gómez a principios do século XX. 
 
Aínda permanece en pé un dos restos das construcións que formaban o complexo do Balneario. O primeiro deses salóns, se subimos o cauce do río dende a súa desembocadura, atópase ante a Illa das esculturas e antes da ponte do tren. É un amplo espazo no que se creou unha nova praia fluvial no concello, xunto ás de Ponte Sampaio e Praceres, proxecto estrela dentro da recuperación do río e as súas marxes para o disfrute da cidadanía, a praia creouse fronte a esa fervenza que de xeito popular coñécese como ‘cola de cabalo’, arranxando unha ampla zona entre a Avenida de Bos Aires e o río, na que conservan varios dos restos do contorno, como unha escaleira de acceso ó río ou o rompeondas de protección dende esas escaleiras ata a ponte do tren. Arredor da praia creouse unha zona de céspede e plantáronse diferentes especies vexetais, xunto co mobiliario necesario para a maior comodidade dos seus usuarios, instalándose tamén un quiosco. 
 
O pasar a ponte do tren, entramos nunha das paraxes máis fermosas que nos achega este Lérez tan rico en espazos dos que gozar como descoñecido pola propia cidadanía. Este remanso que repousa ós pés do Mosteiro de San Salvador de Lérez é onde se celebra cada 11 de xullo unha das festividades locais da cidade, a romaría de San Bieito, celebración dunha fonda trascendencia na cidade e na que centos de romeiros participan enchendo este fermoso espazo de xentes desexosas de pasar un día nun espazo natural ven acompañados de suculentas comidas, entre as que non faltan as empanadas. Nese día, un servizo de barcas recorda os tempos do pasado nos que abundaban eses servizos que permitían un mellor paso dunha orela a outra, xa que as pontes non eran suficientes, e que agora se amosa como un xesto de lembranza do que fomos.
 
Se seguimos subindo polo cauce do río, ó igual que comezan a facer moitas especies recuperadas dentro da fauna do Lérez, como poden ser os salmóns - este foi durante moitos anos un dos mellores cotos para a pesca desta especie- ou as lampreas, chegamos a outras desas zonas cheas de recordos para os cidadáns de Pontevedra, a zona das cascadas, onde moitos, cando eramos rapaces, gozábamos durante o verán dos baños nesas augas, e que segue mantendo o seu valor como punto de lecer, e francamente emociona comparar imaxes de xeneracións distintas, gozando dun mesmo lugar que xa quedará para sempre instalado na memoria desas xeneracións. É un espazo cargado de percepcións do que pode ofrecer un lugar destas condicións, cheo de especies autóctonas, como poden ser os bidueiros, ameneiros e carballos que recrean como era este lugar hai moito tempo, sempre a carón da auga.
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 24.03.2019 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 03.11.2011 polo Concello de Pontevedra.