Rúas de Pontevedra

Pontevédrate...

Unha frecuentada e engaiolante senda de 6 km percorre o río Lérez pola súa marxe sur entre a ponte dos Tirantes e a presa de Bora

Prazas da Pedreira e das Cinco Rúas

 

As súas lousas danlle nome. Nos tempos nos que as rúas e as prazas, de xeito habitual, tiñan o piso de terra que unha praza aparecese cuberta de pedra era motivo suficiente para que iso lle dese nome. A presenza nela da súa arquitectura principal, como é o Pazo de Mugartegui, quixo denominala de xeito oficial como praza de Mugartegui, pero foi máis forte a consideración popular, quedando establecido o nome de praza da Pedreira.
 
Agochada tras o fermoso arco de acceso pola rúa César Boente, esta praza parece que se oculta do resto da cidade. Como se non quixese que nos achegaramos a ela para continuar mantendo ese misterio que nela se intúe. Misterio de xentes que por ela pasaron, de pedras e máis pedras, de ausencia de negocios, só temos un bar que ofrece asilo ó visitante, é unha praza pechada na que o outro acceso, polos Arcos de San Bartolomé tamén xoga a esa confusión do que se atopa oculto. O longo muro fronte ó Pazo agocha unha gran finca que chega ata a rúa Sarmiento, un espazo aberto que airea a praza e dende as fiestras do Pazo ofrece unha sensación de calma. Na praza temos diferentes tipos de construcións propias das zonas a carón do mar, pequenas vivendas, algunhas con soportais, outras con escaleiras exteriores. 
 
Unhas ofrecen un mellor aspecto que outras, o que é unha mágoa, sobre todo unha pequena vivenda na marxe esquerda do pazo, exemplo de serenidade e de bo facer neste tipo de casiñas. Pero a praza aparece dominada pola presenza do Pazo de Mugartegui, que fora Academia Jovellanos a mediados do século pasado, pasou a mans municipais e tras unha espectacular recuperación púxose ó servizo do cidadán. Agora nos seus baixos un museo do viño acóllenos como demostración da enorme variedade que na nosa provincia temos de viños. A sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas ten neste pazo unha sede de acordo cos grandes valores que ten que difundir.
 
A praza das Cinco Rúas, xorde no medio da costa da rúa Isabel II. Alí, baixo as fiestras polas que se asomaría Valle-Inclán cando residía nela, asistimos a unha praza en dúas alturas, a primeira a carón desa fermosa casa cun cruceiro coa iconografía de Adán e Eva e o Cristo triunfante na cruz. Na parte baixa esta praza, que tamén se chamou de Rogelio Lois e antigamente praza de Mendiños, é unha zona de tránsito ó confluír nela cinco rúas que lle dan finalmente o seu nome: Barón, San Nicolás, Isabel II por dúas partes e Chariño.
 
Na praza os locais O Cruceiro ou Cinco rúas son xa tradicionais neste fermoso contorno de xogos de rapaces hai moitos anos e que agora se articula como un dos centros da noite en Pontevedra. Estamos ante un deses recunchos especiais da cidade, con poucos cambios na súa faciana, como vemos na foto da dereita. Esta é unha delicia.
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 19.05.2019 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 03.11.2011 polo Concello de Pontevedra.