Rúas de Pontevedra

Pontevédrate...

A rúa Gutiérrez Mellado continúa o elegante alineamento de palmeiras que nace no parque, integrando aínda máis o parque na trama urbana

Praza de San Xosé

 

 
A súa transformación foi case total a partir do aspecto que tiña a principios do século pasado. Definida pola presenza da capela de San Xosé, esta atopábase fronte o Café Moderno, onde se sitúa na actualidade o edificio onde está a peletería de Araúxo. A praza recibiu o nome do santo excepto nos tempos da República, cando se chamou praza de Pablo Iglesias, volvendo no 1936 á súa tradicional denominación.
 
Dende a súa construción no ano 1903, o Café Moderno marcou a vida desta praza. Alí se proxectaban películas, alí se reunía en tertulias a intelectualidade do momento, alí García Lorca compuxo un soneto para a revista Cristal, que tiña na parte alta a súa sede, alí pintaron Laxeiro, Monteseirín e Carlos Sobrino. Alí,alí, alí... sería interminable enumerar o que achegou a esta cidade este local, que segue nesa vía, xa que tras unha etapa na que nela se atopaba a Caixa Rural, a man de Caixa Galicia permitiu a súa rehabilitación dende as prestixiosas ideas do portugués Alvaro Siza, e agora empregao como sede da súa fecunda Fundación Cultural. Fronte a el a outra gran entidade financeira de Galicia, Caixanova, aposta por ese mesmo eido de actividades culturais coa súa sede, que tamén se abre a esta praza e na que aínda recordamos as numerosas exposicións que tiñan lugar na sala da súa planta baixa.
 
Na outra parte da praza lembramos a presenza do Hotel Méndez Núñez, con restaurante e sala de reunións, que posteriormente acolleu unha parada de autobuses e logo tivo nun dos seus baixos o Pequeno Bar. Son os bares a outra gran reseña desta praza; actualmente resiste o Bar Americano, coñecido como ‘o miserias’, no inicio da praza baixo os restos almenados do antigo pazo que se conservaba nese lateral da praza. Pero tamén antes houbo outros como La Capilla no espazo onde se atopaba a capela de San Xosé, onde tamén se vendían ultramarinos e aquel viño tan popular coñecido como Pinarejo. No seu exterior moitos aínda acordan aquel neón que debeu ser un dos primeiros publicitarios da cidade, neste caso da marca Philips.
 
Outro edificio a valorar, e adecentado recentemente e ó que se atopa na esquina da rúa Oliva. Creado polo arquitecto Emilio Quiroga Losada, presenta un racionalismo de bastante interese pola súa forma semicircular. A praza, recuperada urbanísticamente nos últimos tempos, ten agora uns novos protagonistas, ou non tan novos, xa que fronte a onde se atopan agora, nese Café Moderno, pasaron moitas horas de conversa e lecer: Castelao, Alexandre Bóveda, Ramón Cabanillas, Valentín Paz Andrade, Manuel Quiroga e Carlos Casares son eses protagonistas.
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 20.05.2019 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 03.11.2011 polo Concello de Pontevedra.