Rúas de Pontevedra

Pontevédrate...

A rúa Gutiérrez Mellado continúa o elegante alineamento de palmeiras que nace no parque, integrando aínda máis o parque na trama urbana

Praza de Méndez Núñez

 

 
De forma cuadrangular, a praza de Méndez Núñez transformou a súa faciana de maneira completa durante os últimos anos, quedando esquecidas aquelas imaxes da praza como un aparcadoiro. Antigamente chamada praza da Herva, amósase como un dos máis logrados exemplos de mellora urbana da cidade: a iluminación, o tratamento do chan ou a rehabilitación da gran casona do arco, (que tan importante é na historia da cidade, xa que non só foi a morada e lugar da morte do insigne mariño Casto Méndez Núñez, senón que nun dos seus extremos atopábase a gran biblioteca dos irmáns Muruais, na que o mesmiño Valle-Inclán pasou moitas horas ollando as publicacións e revistas que nela se atopaban, e que tanto influíron nas súas primeiras obras literarias), fai dela unhas das prazas con máis historia e historias da cidade.
 
A súa antiga denominación como praza da Herva alude, en palabras do historiador Juan Juega Puig ó feito de atoparse fóra do primeiro recinto amurallado, sendo un lugar axeitado para a celebración de mercados. Unha denominación popular tamén fala dela como praza das Galiñas, xa que nela se realizaban transaccións deste tipo de aves; e fotos antigas tamén nos amosan un espazo adicado á venda de produtos de cerámica. Esta función comercial pervive actualmente coa presenza de varios negocios adicados a moda como Antón ou Ernesto Filgueira. 'A casa dos paraugas', en actividade dende o ano 1963, ou o arranxo de reloxos por Pacheco dende os setenta, que veu a ocupar o posto do zapateiro Manolo. 
 
O ocio pasou a ser unha actividade dinamizadora da vida desta praza, e xunto co mítico Universo, que dende 1987 serviu de refuxio nocturno de moitas xeracións de pontevedreses, fóronse establecendo outros locais como o Qué ou A taberna do pincho que coas súas terrazas concédenlle unha grande actividade a praza. Ambos viñeron a ocupar os baixos nos que tiña a súa sede o bar A Cañiza, inesquecible polas súas tapas de orella, ou o Bazar de Xoguetes Reguera, como homenaxe a unha antiga fábrica de xoguetes de lata que estaba nese lugar.
 
Por un dos seus lados xorden dúas grandes casonas moi ben coidadas polos seus propietarios, engalanadas cunha chea de flores e nas que moitos aínda acordan tras as súas fiestras as aulas das Academias Cervantes ou Buela. Nese mesmo lado, retranquéase unha pequena casa, cun escudo, que ata hai ben pouco acolleu a froitería de Dorita. Pero a gran casa da Praza é a chamada Casa do Arco. Pertencente na súa orixe á familia de mercadores dos Cruu, pasou pola familia Méndez Núñez ata que os irmáns Muruais fixeron dela un cenáculo intelectual.
 
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 21.05.2019 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 03.11.2011 polo Concello de Pontevedra.