Rúas de Pontevedra

Pontevédrate...

A Delegación de Facenda ocupa un edificio do 1800 anexo á igrexa de San Francisco

Praza da Peregrina

 

Un home sobre pola antiga Porta de Trabancas. Detense uns minutos coa cabeza baixa, érguea e persígnase cara ó santuario da Peregrina. É un xesto doutro tempo, unha imaxe que nos achega á historia desta praza. Praza de xentes que fixeron e fan dela un dos puntos esenciais da súa vida. Xestos do presente como o de ese Ravachol que nos saúda tras fuxir, como tantas veces fixo, da botica do seu dono e que nos lembran o pasado. Mirade!, aquel que vai alí é Casto Sampedro, o fundador da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, que ten o seu despacho nesa casa que dá cara a Peregrina e a praza de Ourense.
 
Moitas desas imaxes son xa recordos do pasado, como aquela fonte de Sesmeros que se atopaba á dereita do santuario e a onde as mulleres acudían na procura de auga con recipientes sobre a cabeza; pero tamén de negocios que desapareceron, como aquel Café Méndez Núñez no inicio da rúa Peregrina e que daba a esta praza. Alí se selaban quinielas e alí se respiraba o ambiente dun café doutro tempo. 
 
Pero antes del tiñamos unha oficina bancaria e no lugar onde se atopa a Xoiería Suárez tiña Pedrosa o seu negocio de ultramarinos e pastelería; logo, décadas máis tarde, o comercio de téxtiles de Pedrosa situouse no fermoso edificio que fai esquina con Trabancas, manténdose ese nome nos nosos tempos coa presenza dunha inmobiliaria. Ó seu carón atopábase a pastelería La Duquesita, da que moitos dos turistas que se achegaban ata o santuario levaron os seus típicos melindres.
 
Estar ó pé do santuario da Peregrina imprime carácter, e así, a praza tiña que levar ese nome que só a República substituíu durante un tempo polo de praza da Liberdade. En pleno camiño de peregrinación a Compostela, esta praza acolle o paso de peregrinos, que teñen tamén na fonte esa mitificación das augas de Pontevedra que refrescan ó viaxeiro. Como tamén o fai a imaxe do Teucro, que a coroa dende o ano 1956. Non sempre foi así, xa que antes o adro da Peregrina abríase á praza mediante unhas escaleiras, que foron eliminadas coa instalación da fonte. 
 
 
Pola súa situación esta praza comparte o corazón da cidade coa Ferrería e nela teñen lugar moitos dos actos que congregan á cidadanía, que fomentan o espírito de colectividade. Concertos, a ofrenda de flores á Peregrina na xornada de inicio das súas festas, reivindicacións de diferentes colectivos... En definitiva, esta praza é o altofalante desta cidade que, acompañado polo son das súas campás, e as horas marcadas polo seu reloxo, aínda que as marque á súa maneira, vai latexando paseniño con ese ritmo que teñen as urbes que saben que a présa non lle convén a ninguén, e menos aínda a unha cidade acostumada a medrar a modiño.
 
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 24.03.2019 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 02.11.2011 polo Concello de Pontevedra.