Rúas de Pontevedra

Pontevédrate...

O concello é de estilo ecléctico. Destaca o balcón central, peza clave na arquitecturadas casas consistoriais, xunto co remate co reloxo e o escudo da cidade. O seu arquitecto,Sesmero, tamén deseñou a escaleira de fundición con dous tiros que seunificaban nun rechán para o interior, hoxe substituída por unha de pedra

Paseo de Colón

 

É unha importante vía de acceso á cidade para o tráfico que procede da marxe dereita da ría. O Paseo de Colón amósase moi lonxe de como era cando por el pasaba o trazado do ferrocarril que cruzaba a ría a carón da actual Ponte da Barca. Aquí as vías percorrían toda a rúa ata enlazar con Raíña Vitoria para finalizar na actual praza de Galicia, onde se atopaba a Estación antes do seu traslado a Eduardo Pondal.
 
A súa orixe procede polo tanto da necesidade de abrir unha vía de comunicación con aquela que chamaban estrada de O Grove. Os terreos, cedidos polo marqués de Riestra, permitiron a creación da rúa a carón das vías do tren. O seu nome orixinal, rúa da Circunvalación, non tivo moito éxito e xa no ano 1914 se coñece como Paseo de Colón. Obxeto dunha profunda reforma, a súa amplitude de espazos convertea nunha rúa de fácil tránsito e perfecta para os peóns. Pola súa parte superior accédese ás rúas Rua Nova de Arriba e Rúa Nova de Abaixo, e na parte inferior permite achegarse ata a Avenida das Corvaceiras mediante rúas como Fonte do Corvo, Monteleón ou Víctor Said Armesto.
 
Frutas Sol, Marblan, Telepizza, Supermercado Moldes, Academia Postal, Adeslas, Acuña, Max Vídeo ou o café Al-Andalus son algúns dos neóns que alumean nesta rúa, xunto a eles, cafeterías de referencia na historia social da cidade como Stratos, ou a Cafetería Colón, de fonda tradición na defensa do madridismo futbolístico, completan a oferta da mesma.
 
Entrando nela dende a rúa Alameda atopamos o seu principal edificio, actualmente sede do Arquivo Histórico Provincial, aínda non hai moitos anos era a Biblioteca Pública de Pontevedra, un espazo visto cos ollos dun neno, case máxico. Esas esfinxes á súa entrada, ou o pórtico maxestoso coas súas palmeiras. Sen dúbida que este era o mellor complemento para as posibilidades literarias que no seu interior se amoreaban, narracións fantásticas, comics, historias que nos levaban ata os lugares máis insospeitados e que xa nunca abandonarían a mente daqueles pequenos visitantes. 
 
Aquel exterior, tan afastado do que era un edificio convencional, respondía non a un ‘atrezzo’ senón a un capricho de Eulogio Fonseca, industrial pontevedrés que posuía entre outros establecementos, unha casa de baños na Moureira, sen dúbida un singular negocio de principios do século XX. Pertencente a algún tipo de loxia, esta construción atópase chea de elementos simbólicos que agora, máis dun século despois, semellan unha arriscada composición que non deixa indiferente a ninguén que ata ela se achegue, aínda que non teña os ollos dun rapaz que se deixaba engullir por un edificio cheo de libros.
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 24.07.2019 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 28.10.2011 polo Concello de Pontevedra.