Rúas de Pontevedra

Pontevédrate...

A porta da Delegación de Facenda, na Ferraría, era a Porta de San Domingos, da antiga muralla da cidade

Os peiraos e Xoan Villaverde

 

No ano 1951 o casco histórico de Pontevedra é considerado como ‘Ben de Interese Cultural’. Esta situación afectaba a todo ese núcleo antigo, que se situaba intramuros do trazado da muralla medieval. Deixábase fóra todo un espazo coñecido como A Moureira, que debería ser considerado do mesmo xeito que o casco histórico para evitar así a súa destrución masiva, algo que, por desgraza, tivo lugar de xeito irreversible, o que non sucedeu coa zona monumental. 
 
A forza mariñeira de Pontevedra, co seu cumio no século XV, amosábase na puxanza de toda esa zona de litoral que mesturaba a auga salgada do Lérez coa que entraba por unha ría moi diferente á actual e pola que se achegaban ata o porto pontevedrés embarcacións de gran calado. A pesca, o comercio da sardiña, a exportación do viño que chegaba do Ribeiro ou a salazón fixeron que Pontevedra vivise a súa época dourada.
 
O arquitecto Rafael Fontoira Surís vén de publicar un libro adicado a esta barriada pontevedresa no que se amosan todo un conxunto de fotografías que nos permiten asomarnos ó verdadeiro valor do que xa está perdido. Fermosas vivendas, alfolíes, muíños, zonas de amarre..., en definitiva, parte da vida dunha cidade case dentro doutra cidade. Son moi poucos os elementos que se manteñen vixentes para poder recoñecer ese pasado, pero si que existen algúns nunhas rúas que xa pouco teñen que ver co pasado.
 
Os Peiraos comprende o espazo que discorre en paralelo á desembocadura do río Gafos nas Corvaceiras. Alí podemos deternos na construción que se mantén en pé, que foi adicada a hospital de leprosos e chega ata a Ponte Nova converténdose logo en Palamios. Dela parten diferentes rúas que aluden ós produtos do mar que engrandeceron A Moureira; son as rúas Espadín, Xurelo e Sardiña, que van dar a San Roque de Abaixo. Agora, con excepción desas últimas vivendas a carón dos restos do hospital dos leprosos, as construcións carecen de interese e mostran a heteroxeneidade de arquitecturas situadas ó chou nun espazo de infinitas posibilidades a carón do río dos Gafos, na súa desembocadura. 
 
A rúa Xoán Villaverde é unha das máis curiosas da cidade, a súa disposición excavada sobre a rocha crea unha rúa con dúas alturas con vivendas típicas da zona delimitando os seus laterais. Discorre o seu traxecto entre Irmáns Nodales e Campo da Torre. Dar un paseo por esta rúa é unha experiencia que todo pontevedrés debería realizar para coñecer a realidade dunha rúa que moi pouco debeu mudar dende os tempos de bonanza económica deste agarimoso e ameazado barrio de A Moureira. 
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 19.05.2019 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 26.10.2011 polo Concello de Pontevedra.