Rúas de Pontevedra

Pontevédrate...

Pedro Madruga, como se coñecía a Pedro Álvarez de Soutomaior, o gran nobre galego do século XV, estivo enterrado en San Domingos

Oliva

 

Poucas rúas recollen tanta historia como a da Oliva. Pese á súa curta lonxitude, son moitas as xeracións de pontevedreses que, dun xeito ou doutro teñen algún vencellamento con ela. Rúa pensada para o paseo, veu a substituír ós clasistas paseos que tiñan lugar na Alameda. O seu espazo obrigaba a camiñar en común, sen distancias. No seu percorrido entre as prazas da Peregrina e San Xosé, na rúa da Oliva –chamada así pola presenza nela dunha árbore desta especie- recoñecemos varios comercios que levan moitos anos de traballo. 
 
A xoiería Suárez, trasladada ó seu inicio dende o emprazamento anterior en Michelena, a droguería de Tito de la Peña, que antes fora de Godoy, a carón de Sargadelos; a farmacia Carballo, asentada nos baixos do edificio de tipo racionalista que remata a rúa; o negocio de electrodomésticos de Auto-Radio, a xastrería de Valiño; Veymar, Purificación García, Pili Carrera, Pronovias, Amichi o quiosco de Marisa ou o Ultramarinos Pintos. 
 
Tamén temos que suliñar o recente interese pola renovación das súas construcións, así a reforma dunha vivenda onde se asenta o restaurante A casa da Oliva, ou o edificio de vivendas Los Olivos, manterán durante tempo parte do seu espíritu. A Oliva tamén é a rúa das xentes que nela viviron, entre as que destacou a escritora Concepción Arenal, que residiu no primeiro andar dunha vivenda baixo a que agora se atopa o comercio de moda Los Telares. 
 
Alí, esta muller de profundas conviccións en defensa do xénero femenino e da súa igualdade co home, creou unha tertulia á que moitos homes acudían a conversar con ela. Unha praca co seu retrato lembra a súa estadía. A rúa da Oliva únese coa de Gutiérrez Mellado a través dunhas galerías comerciais que foron medrando co paso dos anos onde se dan cita numerosos e variados establecementos. A entrada das mesmas pola Oliva ocupa o lugar do antigo Café Méndez Núñez. 
 
Comercios que a memoria rescata son: a librería de Viñas; as imprentas de Antúnez e Martínez Gendra; a xoiería de O’Donell, aquel que fora xogador do Espanyol de Barcelona; a xastrería Iglesias; Los Castellanos, que compartían fachada coa rúa García Camba; a perruquería Solla; a pastelería de La Estrella de Viena; a mercería de Luisa Torres; Isaygon...e outros moitos que durante anos crearon unha paisaxe asociada á nosa memoria que é quen de encher a nosa mirada coas presenzas, pero quizais máis coas ausencias.
 
Lonxe quedan aqueles uniformes da Policía Local, e máis aínda o tráfico por unha rúa que non naceu para ser transitada polos coches senón pola xente, a verdadeira protagonista dunha rúa onde un olivo tivo a forza necesaria para acabar imponiéndose ás diferentes denominacións que se barallaron, entre elas Elduayen e Mártires de Sobredo.
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 23.07.2019 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 26.10.2011 polo Concello de Pontevedra.