Rúas de Pontevedra

Pontevédrate...

As ruínas de Santo Domingo son a cabeceira do vello convento, con 5 ábsides de finais do século XIV, a maior construida polos dominicos en Galiza

Manuel Quiroga

 

No número 15 desta rúa unha praca no primeiro andar dunha vivenda di que esa é a ‘Casa onde naceu e morreu Manuel Quiroga Losada (1892-1961)’. O gran violinista, galardoado e recoñecido mundialmente, pasou os seus últimos anos de vida entre as consecuencias dun atropelo de camión debuxando, escribindo, e sobre todo sufrindo por non poder desenvolver ese don maxistral que tiña co manexo do violín.
 
Por acordo municipal, en 1918 decídese que a rúa onde naceu Manuel Quiroga levase o seu nome, aínda que durante moito tempo convivise coa denominación popular de Rúa do Comercio en relación ó alto número de locais comerciais que ocupaban case todos os baixos desta rúa que vai de Fernández Villaverde ata Don Filiberto.
 
Cando a primeira destas non existía formaba un todo cos soportais, coñecéndose dende a época medieval como Rúa de Trabancas, para posteriormente chamarse Rúa da Platería, como aínda se fai constar na segunda denominación da mesma. Droguería, sombreirería, calzado, perruquería, fotografías... a rúa Manuel Quiroga serviu de acomodo a moitos dos comercios máis ilustres da vida cotiá pontevedresa.
 
De ahí que non sexa raro ver nas fotografías dos anos sesenta ou setenta unha grande animación na rúa, parellas vendo escaparates, empregadas do fogar acudindo a facer as súas compras, unha vida comercial que se traslada ata hoxe con negocios como Calzados Joaquín, Elmoluz, Centro de Negocios ou Eléctrica Moderna que xa se van convertendo en clásicos ó tempo que outros novos completan ese tránsito xeneracional que vai dende os antigos Calzados Gales ou os Tejidos Casablanca ata a perruquería Lolita, a sombreirería da Viuva de Álvarez, os traxes de noiva de Confecciones Reguera, a Paquetería Crego, ou o Nuevo Bazar cos seus produtos de loza, cristal, porcelana, ou duralex.
 
No primeiro andar da casa onde se atopaba a sombreirería da Viuva de Álvarez e presidido por unha magnífica e voada balconada, xoia de cantería, como tantas e tantas na zona monumental e representativa do bo facer dos canteiros das terras arredor de Pontevedra, tiña acollida a Sociedad Recreativa de Artesanos, que iría caendo en declive a partir dos anos cincuenta co ascenso do Casino Mercantil e Industrial, pero da que todavía están na memoria os estupendos bailes de Entroido.
 
A renovación á que se viu sometida esta rúa para acomodarse ós novos tempos respectou a súa condición de rúa comercial, sen obstáculos, que facilita o ir e vir da xente, no seu tránsito cara o interior do casco histórico. As pedras que conforman este conxunto de vivendas acompáñannos no transitar por esta rúa, pola que aínda parecen soar as notas daquel violinista de principios do século XX, aquela alma privilexiada á que a sorte xogou unha mala pasada e que dende ese número 15 viu pasar o resto da súa vida. 
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 20.05.2019 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 20.10.2011 polo Concello de Pontevedra.