Rúas de Pontevedra

Pontevédrate...

A Praza de Méndez Núñez coñecíase antigamente como Praza das Galiñas, xa que alí se celebraba o mercado de aves

Eduardo Pondal

 

Vai dende a Avenida de Augusto García Sánchez ata a Rúa da Estación. Non hai moito era un vieiro case intransitable, coa única función de permitir o achegamento da poboación ás estacións de ferrocarril e autobuses, indo en paralelo ó Camiño do Gorgullón, ó que se pretendía substituír como unha vía principal que asumise a función de novo acceso e saída da cidade.
 
As substanciais melloras que durante as últimas décadas tiveron lugar nesta rúa fixeron que esa utilidade se vise incrementada coa construción de numerosas vivendas, converténdose nunha das zonas máis poboadas da cidade e na que aínda se está procedendo á edificación de máis vivendas. Así, a vida comercial foi incrementándose coa presenza de farmacias, tendas de ultramariños, ferreterías como Echegaray, supermercados, como DIA, estancos, como La Cava de los Puros, negocios de electrodomésticos, como Millar ou hoteis, como o recentemente reformado Hotel Avenida, tamén organismos oficiais como as oficinas de emprego do INEM atópanse nesta rúa, dándolle a vida necesaria ata chegar ó gran centro de entretemento da cidade.
 
Amparado pola Estación de Ferrocarril atópase o 'Centro de Ocio Vialia', onde temos as únicas salas de cine da cidade, así como diferentes establecementos de restauración e comercios. Tamén ó seu carón, tres grandes edificios en forma de 'u' conforman un dos espazos arquitectónicos máis sobranceiros da cidade. Baixo o nome de Cidade de Pedra, estas vivendas supuxeron unha ruptura coa construción que se estaba a facer na cidade, achegando un aire de modernidade e concedéndolle á vila novos espazos de lecer como o do gran parque infantil que nela se atopa, así como permitindo a apertura de numerosos establecementos nos seus baixos. Aqueles fermosos chalés, e vivendas unifamiliares dos que aínda queda algunha mostra o longo da rúa falábannos dese tipo de vía das aforas da cidade, agora xa é unha rúa máis do centro. Engulida polo crecemento urbano, a rúa amosa a importancia de facer unha urbanización axeitada como marco para o crecemento da cidade.
 
O seu aspecto xeral vén marcado polo seu carácter de vía de tránsito, de acceso a eses centros de transportes ou ó propio centro de ocio de 'Vialia'. Non é raro, polo tanto, atoparse con persoas carrexando as súas maletas, levando a equipaxe necesaria para pasar una temporada fóra de Pontevedra, pero tamén con xentes que camiñan cara unhas salas de cine, desgraciadamente afastadas do noso centro urbano que, como veremos noutras rúas deste libro, foron caendo na perversión duns novos tempos nos que os soños dunha pantalla semellan apagarse.
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 20.05.2019 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 28.10.2011 polo Concello de Pontevedra.