Rúas de Pontevedra

Pontevédrate...

A Igrexa de San Bartolomé atesoura imaxes de Pedro de Mena, Gregorio Fernández, Pedro de Campo ou Bieito Silveira, das escolas compostelá e castelá.

Casco histórico e a Moureira

 

É o xérmolo da nosa cidade. O corazón latexante que durante séculos foi tomando o pulso a toda a vila. Arredor das igrexas, formando prazas, con xentes entrando e saíndo dos comercios e do mercado, e todo sobre un mar de pedra e historia. O sentir do casco vello foi definindo unha evolución que ata o século XIX se enmarcou entre murallas e recintos que ían medrando para acoller a unha poboación en constante crecemento.
 
Dende as parroquias de Santa María e San Bartolomé o Vello, Pontevedra, aquela primeira Pontevedra, comezaba o seu devir social. Un camiñar na procura da súa propia historia e o plantexamento dunha identidade común. A carón da desembocadura do Lérez e a súa apertura cara ó mar, a cidade, aínda só de pedra, era un ir e vir de xentes, de mercadorías dunha economía que, baseada no poder marítimo e do comercio, fixo desta cidade unha referencia do noroeste peninsular.
 
Dende esa Moureira, faro da cidade, Pontevedra viviu o seu momento de máximo esplendor, facendo que as igrexas medrasen, que as ordes relixiosas buscasen acomodo nela, pero sobre todo, que as xentes, as que de verdade xestionan a realidade dunha cidade, foran facendo as súas vivendas, xerando barrios, en definitiva, artellando a vida daquela cidade amurallada con forma de améndoa.
 
O noso río foi deixando de brillar, apagándose lentamente nun declive que foi parexo ó da propia cidade, que rexurdiu no século XIX coa capitalidade provincial. Foron décadas de transformacións urbanísticas, de derrubes de murallas, de novas necesidades para unha sociedade con tintes burgueses e que tiña que satisfacer as súas novas demandas con novos espazos e novas formas de vida. Aquela améndoa xa era pequena e a cidade abriuse cara todos os puntos cardinais. Aquel corazón cheo de forza debilitábase década a década.
 
Había abandono, esquecemento e moita tristura nas miradas dos que sabían o potencial alí agochado. Estas últimas décadas serviron para que a cidade seguise derrubando murallas, esta vez as do pesadelo do esquecemento, as que tapaban un espazo envellecido e sen lustre. O noso casco histórico volve latexar, a marcar ese pulso do que moi poucas cidades poden presumir. As vivendas volven a ter vida, as rúas énchense de xentes desexosas de respirar a súa historia, a historia que os devanceiros de todos nós foron quen de facer para o noso orgullo.
 
Prazas, rúas, fontes, monumentos... soños que espertaron dunha longa noite de pedra para que pisemos esas pedras e que as nosas pegadas se transformen en vida para os que nos sucedan. Adentrarse no casco histórico é unha das aventuras máis inesquecibles que se poden facer neste tempo de turismos exóticos e de viaxes a lugares afastados. Perderse por estas rúas é unha viaxe pola historia. Pola historia de nós mesmos.
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 20.05.2019 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 20.10.2011 polo Concello de Pontevedra.