Pontevédrate...

O Pazo de Mugartegui é unha fermosa edificación dos séculos XVII e XVIII, un exemplo arquitectónico urbano do barroco galego

Pontevedra e o Mar

A localización de Pontevedra, nun lugar seguro ao fondo da ría e na desembocadura do río Lérez; a súa integración no eixe de comunicación máis importante da Galicia costeira na depresión meridiana, da que a ponte do Burgo foi paso obrigado ate hai pouco tempo; e o impulso político dos reis de León e Galicia fixeron posíbel a partir da segunda metade do século XII o desenvolvemento dun dos portos galegos máis activos que acadará o seu momento de apoxeo no século XVI en base a dúas actividades principais: a pesca e o comercio.

 

 

Es la uilla de Pontevedra el mejor lugar de toda la costa deste reyno, así por su grande población como por el trato. Está situada en vn llano, en la orilla y margen de su río de la parte del mediodía entre dos bueltas que él da, con que queda gozando de él por la parte del leuante, donde tiene vna muy buena puente de cantería, y por la parte de septentrión y poniente le ba lauando sus muros. Es toda sercada de grueços muros. No tiene artillería ny más defensa que ellos. Su puerto es abrigado de todos tiempos y segurísimamente dan fondo los nauíos dentro de su barra, junto a las mismas cazas de la uilla.
 
Pedro Teixeira
Atlas del Rey Planeta, 1634
 
A vila de Pontevedra atópase ao fondo da ría e na desembocadura do Lérez, o que lle proporcionou unhas condicións especialmente axeitadas para o seu poboamento, que se incentiva a partir da segunda metade do século XII coa concesión de privilexios reais. 
 
Dunha banda, a localización ao fondo da ría, trala barra, garantía a seguridade dos seus poboadores nun momento en que eran frecuentes as incursións de piratas que chegaban de súpeto por mar e fuxían do mesmo modo. A barra de Pontevedra, situada no areal de Praceres, illa de Tambo e Campelo, funcionou coma elemento disuasorio para as embarcacións inimigas que pretendían superala cara a dentro onde a navegación se complicaba debido aos numerosos baixos, que daban a este tramo da ría un carácter labiríntico. O mesmísimo Francis Drake non se atreveu a adentrarse máis alá de Tambo.                                     
 
Doutra banda, o río Lérez comunicaba a vila coas reservas forestais das comarcas interiores. Polo río baixaban arrastrados pola corrente os troncos de madeira de lugares coma Carballedo, cuxo topónimo fai referencia á súa principal dedicación. A madeira xogou un papel importante no desenvolvemento do porto tanto polo seu emprego na construción naval como pola súa participación no comercio da vila, en bruto ou transformada en toneis. O gremio de toneleiros será, pois, un dos máis desenvoltos con cuño propio, tal e como se especifica nas ordenanzas da vila de 1609: “que por quanto las Pipas que se hacen esta Villa y lleban la marca de ella en los puertos de Asturias, Vizcaya y otras partes, pasan sin más probanzas ni medida por el porte de tres moios y medio…”
A ría foi o escenario da actividade pesqueira da vila que centraba as súas capturas na sardiña a través da arte do cerco, monopolizada pola confraría do Corpo Santo. A sardiña salgada, xunto co viño do Ribeiro, foron os principias artigos do comercio pontevedrés; Pontevedra converterase no porto de saída para este viño, que chegaba á vila polo camiño de Castela.
 
 
A orixe da vila de Pontevedra está vinculada á ponte, que lle deu nome, e ao porto, eixe da súa principal actividade económica: a pesca e o comercio.
 
A ponte do Burgo tivo un valor estratéxico fundamental, integrada na principal arteria de comunicación norte - sur da Galicia costeira dende época romana até a construción das modernas autoestradas. Por este motivo, a mediados do século XII, a primitiva comunidade asentada no promontorio onde se alzaba a igrexa de Santa María, pasa a formar parte do proxecto de renacemento urbano dos monarcas leoneses, no contexto da rivalidade entre os distintos reinos peninsulares: Fernando II outorga en 1169 un Foro ou estatuto privilexiado aos “omnes habitatores de Ponte Viteri tam presentes cuam futuros”.
 
En 1180 a vila incorpórase ao señorío do Arcebispado de Santiago o que terá consecuencias transcendentais na orientación da súa actividade pesqueira, que vai adquirindo importancia progresiva, tal e como se desprende dos privilexios reais outorgados á Pontevedra no século XIII que pretenden o impulso da comercialización do peixe e os produtos derivados.
 
A mediados do século XV Pontevedra acada a definitiva configuración urbana medieval, tras a adaptación do espazo da praza da Ferrería para a celebración da Feira Franca, privilexio concedido por Henrique IV en 1467 a esta vila e a Betanzos en agradecemento pola súa fidelidade. A poboación se distribúe entre o recinto amurallado e o arrabalde da Moureira, o barrio mariñeiro.
Pouco máis tarde, superado o período de crise producido pola Guerra de Sucesión, no outono de 1484, Alonso García de Raxoo furne o primeiro cerco na ría de Pontevedra. Con esta arte de pesca comeza o período de apoxeo da confraría do Corpo Santo, que permitirá que os seus confrades financien a construción dunha das máis fermosas obras do renacemento galego: a igrexa de Santa María.
 
A través da Confraría do Corpo Santo o arcebispado de Santiago exerceu o control sobre a actividade pesqueira de todos os portos da ría, e incluso, das rías veciñas, sancionando as ordenanzas de pesca da confraría pontevedresa que pretendían ter aplicación dende as estelas de Baiona ata os tranqueiros de Aguiño
 
O ámbito da actividade pesqueira galega foi historicamente a ría, trátase por tanto do que hoxe denominamos pesca de baixura. No século XVI a abundancia de sardiña na ría e un abasto de sal regular e suficiente para conservala fixo que a pesca se convertese nunha actividade vinculada ao comercio pontevedrés, mantendo unha populosa Moureira.
 
As artes de pesca empregadas para a pesca da sardiña na ría eran o xeito, a sacada e o cerco. Esta última será a gran beneficiada pola confraría do Corpo Santo nas súas ordenanzas debido á numerosísima participación de mareantes en cada cerco e ás abundantes capturas que realizaban nun réxime de case monopolio das postas máis ricas da ría nos meses de setembro a decembro. Doutra banda este sistema facilitaba o control da percepción de impostos, o décimo, que se repartían a medias o reitor de Santa María e o arcebispo compostelán. 
 
A confraría de mareantes de Pontevedra púxose baixo a advocación de San Telmo, o Corpo Santo. Noutros portos os mareantes tiñan coma patróns a San Pedro, Santo André ou San Miguel, por nomear só algúns. Tratábase pois de corporacións profesionais, con carácter relixioso, que organizaban as necesidades do traballo, o salario e a asistencia dos seus membros de xeito comunal, en función da súa participación na arte, ou quiñón. 
 
As confrarías rexíanse por normas que regulaban o calendario pesqueiro, gardando os preceptos relixiosos, e a modalide de pesca para cada momento do ano. Os vigairos do Corpo Santo pretenderon, co apoio do arcebispo que confirmaba as súas ordenanzas, a xurisdición sobre toda a ría de Pontevedra, a de Vigo e Arousa, o que deu lugar a numerosos preitos sobre o dominio do mar, algún deles levado ate a Real Chancelería de Valladolid, onde a xustiza real nunca ratificou as ordenanzas de pesca da confraría.
 
O tráfico comercial do porto de Pontevedra no século XVI estaba baseado fundamentalmente na exportación de sardiña salgada e viño do Ribeiro e na importación de sal portugués, ferro vasco, e pan do mar, traído do Báltico por mariñeiros bretóns. Tamén se redistribuía a madeira asturiana, moita dela transformada en doelas e reexportada coma pipas abatidas
 
A sardiña elaborábase nos fumeiros da Moureira, envasábase en toneis duns dezaseis milleiros de sardiña cada un e exportábase a todo o litoral peninsular, beneficiándose das extensas coresmas e vixilias impostas polo catolicismo, que prohibía o consumo de carne ao redor de 150 días ao ano.
 
O viño do Ribeiro de Avia destinábase á comercialización a través do porto de Pontevedra, mentres que o consumo local era abastecido polo viño da terra ou ullao. A ruta máis concorrida polas embarcacións cargadas con viño do Ribeiro transcorría dende o cabo de Fisterra ate San Sebastián, estando documentada a súa presenza nas illas británicas. A comezos do século XVII o cóengo visitador do arcebispado de Santiago, Jerónimo del Hoyo, recolle a súa impresión sobre o tráfico do viño na vila: “En la villa de Pontevedra, como puerto y lugar más cómodo y cercano a Rivadavia, se cargan gran cantidad de vinos de Rivadavia por muchas partes y yendo al Norte se adelgaça y respecto desto y de ser muy acomodada la villa para navegaciones es muy frecuentada; dicen se cargan mas de ducientos mill ducados de vino”.
 
A Moureira era o arrabalde mariñeiro da vila de Pontevedra. O seu nome fai referencia á súa dedicación aos labores de conservación para a comercialización do peixe en salmoira.
 
Trátase dun conxunto urbano extramuros, envorcado sobre a ribeira, que abarcaba dende a ponte do Burgo ate o río Tomeza ou dos Gafos. A súa disposición en arco, ao adaptarse ao curso baixo do río permite a súa subdivisión en tres sectores: a Moureira de arriba, proxima á ponte do Burgo —actualmente en fase de posta en valor por mor das escavacións arqueolóxicas—; a Moureira da Barca e a Moureira de abaixo ou das Corvaceiras, quizais en alusión ao oficio dos banasteiros.
 
Na Moureira vivían os mariñeiros e mareantes e tamén se localizaban todas as actividades relacionadas coa conservación do peixe, incluídos os alfolíns, almacéns onde se despachaba o sal. Está documentada a existencia de tres alfolíns en Pontevedra na segunda metade do século XVIII, que se corresponden coa división da Moureira en tres sectores: alfolín da Ponte, alfolín da Barca e o alfolín dos subministros que se corresponde coas Corvaceiras.
 
Dende o pé das casas da ribeira da Moureira avanzaban sobre o río os peiraos, hoxe soterrados baixo a avenida de Bos Aires. A meirande parte dos peiraos estaban relacionados cos cercos e servían para cargar desde eles as inmensas redes destas artes comunais nos trincados ou recoller neles os lotes de sardiña.
 
    O máis buscado
    Navegador

    O Concello

    Pontevédrate

    Áreas

    Pontevedra participa!

    E máis

    Hoxe é 25.03.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 16.09.2011 polo Concello de Pontevedra.