Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

Un senlleiro conxunto arquitectónico de principios do século XX confórmano o Concello, o Instituto Valle-Inclán, a Deputación, a antiga sede de Educación, Alameda e xardíns de Vicenti e As Palmeiras

Vidrieira co escudo de Pontevedra en Correos

 

Na esquina que forman as rúas Oliva e García Camba atópase un fermoso edificio, onde ten a súa sede o organismo de Correos. Un edificio cunha longa historia construtiva xa que, dende 1913 en que resulta vencedor o proxecto de Carlos Gato Soldevila, non entrará en funcionamento ata os últimos anos da década dos vinte.
 
O motivo da nosa ollada céntrase no seu interior, na cuberta do gran salón onde se desenvolve a vida pública do edificio. Se erguemos a cabeza cando estamos a enviar unha carta nos atoparemos unha fermosa vidreira que recolle mediante a técnica da 'grisalla' o escudo da cidade. Son 2.452 pezas de cristal que chegan a formar unha superficie de 98 metros cadrados. 
 
O escudo heráldico da cidade mide 4 metros de alto por 2,52 metros de ancho e vese rodeado por un reberete con 20 rosetóns. Rehabilitado no ano 2003, recuperou grazas á meritoria labor da firma coruñesa Azpilcueta, especialista neste tipo de intervencións, todo o seu esplendor. A técnica empregada para debuxar o escudo sobre o vidro é a 'grisalla', na cal se actúa por extirpación do pigmento, xa que a cor achégaa o propio vidro. Ademáis esta técnica busca deter a luz que atravesa o vidro creando novas sensacións no espazo. 
 
O motivo elixido foi o escudo da cidade, do cal houbo diferentes variantes ó longo do tempo, pero sempre mantendo unha traza común. Así, o principal motivo será a ponte, precisamente en virtude da súa importancia na época medieval para conformar o crecemento da cidade. A ponte aparecerá representada ó longo da historia con varios ollos, e flanqueado nos seus laterais por unha porta con dúas grandes torres, e outra porta, que sería a 'Porta da ponte', aberta na propia muralla; tal e como a pintou na súa viaxe Pier María Baldi en 1669 nunha representación da cidade que se conserva na Biblioteca Laurentina de Florencia. 
 
En ocasións intégrase na metade da ponte unha cruz, que aludiría a unha cruz de Santiago e que foi incluída no escudo a principios do século XVI. Remitiría á ubicación da cidade no camiño de peregrinación, ademáis de á súa pertenza ó arcebispado de Compostela.
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 17.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 28.10.2011 polo Concello de Pontevedra.