Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

A Casa das Campás é un edificio municipal cedido á Universidade para ubicar nel o seu Vicerrectorado. Foi restaurado, pero conserva a fachada, do século XV

Tondo no Santuario da Virxe Peregrina

 

Tesouro da cidade coa súa planta en forma de cuncha de vieira. É o santuario da Peregrina, patrona relixiosa da provincia e icona da imaxe urbana da cidade, agocha no seu interior outros tesouros. Un deles é o tondo que se atopa na parte superior do retablo, unha representación dunha das pasaxes que aparecen na novena á Virxe. 
 
O retablo foi realizado entre 1807 e 1814 polo arquitecto Manuel del Prado y Mariño, aínda que moitas das súas trazas xa as plantexara o seu irmán Melchor del Prado en 1789. Tamén contou coa decoración realizada polo escultor Juan Gambino. De clara fisionomía neoclásica, o retablo, como nos explica Mª de los Ángeles Tilve Jar no excelente catálogo que co gallo da exposición sobre a Virxe Peregrina tivo lugar no Museo de Pontevedra no ano 2004, "aparece desenvolvido en altura nun único corpo flanqueado por dous pares de altas columnas, de capitel corintio, e fuste liso". 
 
Evidentemente, o espazo condiciona moito a súa creación, abríndose un camarín onde se instala a figura da Virxe. Entre as columnas laterais instálanse uns anxos que portan bordóns coa cabaza. Sobre a Virxe, outro anxo soporta unha cartela. O retablo remátase cun grande entablamento de liñas mixtas, sobre o que se dispón un frontón triangular coroado por un tondo en relevo.
 
Nese tondo é onde nos atopamos a escena dunha das peregrinacións da Virxe, a fuxida a Exipto. Esta representación mariana na súa condición de peregrina non é moi frecuente, sendo máis habitual a da Virxe con esclavina e sombreiro, moitas veces decorada coa cuncha de vieira, bordón e o neno en brazos suxeitando unha bóla. É un complemento que se plantexa no centro do retablo coa imaxe da Virxe, fundamentando historicamente a súa orixe. A escena mostra a un anxo guiando ó cortexo con San Xosé tirando da burra, na que vai a Virxe co neno, entre unha paisaxe desértica cunha palmeira.
 
Complétase coa presenza de Deus con forma de triángulo do que parten unha serie de raios. A escena transmite a idea do camiño, da fuxida como unha primeira forma de peregrinaxe, e a protección divina que sempre acompañará ó que inicie o camiño pola fe.
 
 
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 19.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 26.10.2011 polo Concello de Pontevedra.