Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

O arqueiro grego Teucro, segundo a lenda, fundou a cidade de Pontevedra durante a súa viaxe a occidente tras a guerra de Troia

Sexto edificio do Museo de Pontevedra

O peso da historia do conxunto de edificacións que compoñen o Museo Provincial de Pontevedra convérteo nun espazo moi complexo para actuar nel, o que fixo que Celestino García Brañas, tivese que amosar o mellor del para non defraudar a ninguén, pero sobre todo a si mesmo. O sexto edificio do Museo Provincial levántase no remate dun conxunto de casas, respectando a fisionomía da Pontevedra medieval.

 
Un gran muro medianeiro vai ser o punto do que parta o arquitecto para vencellar a nova arquitectura coa lembranza da anterior. O respecto a ese muro, reflexo da antiga estrutura de vivendas da cidade, é toda unha declaración de intencións para harmonizar presente e pasado.
 
Nel intégrase una visión moderna e actual do feito arquitectónico mediante o emprego de materiais que nunca se usaron ata o de agora desa maneira. Así as cubertas péchanse con cobre, mentres que o chan incorpora a lousa no seu interior, o que outorga unha enorme elegancia ó remate final. Camiñar por este lugar supón revalorizar un material que só se empregaba en cubertas de vivendas. 
 
A súa cor negra complétase coa estudada cor verde das madeiras, proporcionando un espazo moi axeitado de cara ó fin que se pretende neste edificio, que non é outro que o de servir de lugar de traballo diario para os investigadores, que terán no segundo andar un espazo privilexiado, mentres na primeira planta se integran os diferentes despachos do persoal do Museo, así como a sala do Padroado, onde se mantén vivo máis que en ningunha parte o recordo da anterior arquitectura mantendo descubertos os grandes muros pétreos. 
 
No edificio gárdase o material documental do Museo, fondos dos seus benfeitores, libros, fotografías, planos, gravados. Gran parte deste libro, destas olladas, foron escritas neste edificio, nunha sala chea de comodidades para o investigador, polo que deben servir estas liñas para deixar constancia da súa bondade arquitectónica, que fixo máis doado o traballo, así como o agradecemento a todo o persoal que nel traballa, dende o seu director ata quen dá os bos días pola mañá no Rexistro de entrada. Todas as amabilidades e axudas son parte deste libro.
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 12.12.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 22.10.2011 polo Concello de Pontevedra.