Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

A finais do século XIX Pontevedra transformouse profundamente con grandes espazos abertos como a Alameda, As Palmeiras ou a Estación de Campolongo, donde hoxe está a Praza de Galiza

Sepulcro de Paio Gómez Charino en San Francisco

"Ganó Sevilla siendo de moros". Así reza o epitafio que na súa tumba, ante o altar do Convento de San Francisco, se atopa inscrito. O seu biógrafo, Armando Cotarelo, data o seu nacemento en torno ó 1225 e a súa morte no 1295. Foi, ademáis dun gran militar que participou na toma de Sevilla, gran poeta e trobador medieval. Letras e armas xuntas na mesma persoa, o ideal do cabaleiro.

 
Non se sabe ben o seu lugar de nacemento, debaténdose entre Rianxo, vila da que foi señor, chegando a posuír pazo e castelo, ou Pontevedra, onde residiu e se atopa enterrado. Participou na famosa campaña da toma de Sevilla baixo o reinado de Fernando III. Con cargo de Almirante do mar, o poeta debeu ser recompensado por Sancho IV por participar na súa sublevación contra o seu propio pai, Alfonso X. Sancho IV nomearao adiantado maior de Galicia.
 
Trala súa morte, acoitelado por Ruí Pérez Tenorio, a súa viúva ordena a construción do sepulcro, en virtude das probables doazóns que en vida faría para a construción do templo. Estas son só algunhas das andanzas da súa vida militar, pero máis destacada é a súa faceta de trobador.
 
Conservamos un total de 28 cantigas, xénero poético medieval, das cales 19 son cantigas de amor e 6 son cantigas de amigo. Tamén temos un sirventés, unha tenzón e un cantar de escarnio. Segundo os expertos, as súas cantigas proveñen dun espírito delicado e aristocrático, xa que por exemplo non se conserva ningunha cantiga de maldicir, e ademais nas de amor amósase respectuoso cos convencionalismos cortesáns, polo que se alonxa do popular. 
 
"As frores do meu amigo/briosas van no navío/¡E vanse as frores/ d'aquí ben con meus amores!/Idas son as frores/d'aquí ben con meus amores…". Este exemplo dunha das súas mellores composicións, que son as referidas ó mar, amosa esa sensibilidade cantando ó amor da namorada -nestas composicións 'namorado' substitúese pola verba 'amigo'-, que lle dá nome ó tipo de cantiga. Mediante as súas verbas a súa obra literaria transcendeu a súa propia vida como militar, pasando á historia como alguén que soubo facer da palabra a súa grande arma.
 
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 19.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 22.10.2011 polo Concello de Pontevedra.