Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

O Pazo da Cultura é unha obra de Manuel de las Casas de 1997, sobre terreos que antes fóran xunqueiras

Selo de pedra no antigo Concello de Xeve

 

 
Especialmente atractivos resultan os avatares que a historia deparou a estas terras para a súa conformación como concello. Foino durante 108 anos, entre 1836 e 1944, cando se aprobou definitivamente a súa incorporación ó concello de Pontevedra. A presenza do importante Pazo de Gondar marcou en moitos aspectos a historia deste lugar, desenvolvendo o seu papel como centro de poder, exercendo como xulgado, cárcere e antiga fortaleza. 
 
Vencellado ás destacadas liñaxes galegas dos Arias e Aldao, dende esa casa gobernábase o que era un antigo couto, cun goberno de seu, nomeándose dende ese señorío a un xuíz, un escribán e un procurador. Así consta en documentos do ano 1752. Xa en 1835 os veciños de Xeve demandan a creación dun concello propio, que se lles concede ó ano seguinte abarcando as parroquias de San Andrés de Xeve, Santa María de Xeve, San Martín de Verducido -que exercería de capital do concello-e San Vicente de Cerponzóns. Os veciños deste último lugar buscarán anos máis tarde desligarse dese concello, integrándose no formado por Alba, Lérez e Campañó. En 1847 a capitalidade trasládase a Santa María de Xeve dende Verducido, e alí se atopará ata que en 1944 pase a formar parte do Concello pontevedrés. 
 
Na que fora antiga casa do Concello en Santa María de Xeve, agora empregada como local social, figura un fermoso escudo ou selo en pedra que deixa constancia da independencia xurídica deste territorio. Nel vemos o símbolo dos tres piñeiros, que xa consta nun selo oficial do Concello de Xeve no ano 1848. 
 
Existen dúas versións sobre a súa orixe, a primeira alusiva a que cada un deles fixese referencia a cada unha das tres parroquias, a de San Andrés, Santa María e Verducido, e unha segunda historia que o poñería en relación coa existencia dun gran piñeiro no interior do Pazo de Gondar. Fálanos ademais esa labra da importancia da profesión dos canteiros nesas terras. O seu traballo é fondamente recoñecido ó longo da historia, constando en moitos documentos que exaltan as capacidades dos canteiros das terras de Xeve.
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 19.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 28.10.2011 polo Concello de Pontevedra.